O espectáculo está servido nas aulas de San Sadurniño. Os alumnos de 5º de educación Primaria –28 escolares–, constituídos na compañía “Pegadas musicais”, traballan desde comezos de curso na produción dunha ópera musical, “Segredo no faro”. “É unha historia de cinco nenos que visitan un faro e o tema que tratamos é a confianza”. Quen fala é Noreia Hermida, unha das relacións públicas da compañía, xunto a Daniel Basoa e Débora Sande, que estes días se afanan na tareas promocionais da peza creada dende cero polos propios alumnos.
E é que organizados en distintos equipos profesionais, –intérpretes, escenógrafos, escritores, compositores, figurinistas, maquillaxe, iluminadores, documentalistas, directores e relacións públicas– escribiron o libreto da peza, confeccionaron o vestiario, crearon a composición musical e incluso recadaron fondos –instalaron un stand na Feira da Plantación– para cubrir os gastos da produción.
Unha iniciativa educativa pioneira en Galicia trala que se acocha o proxecto Lóva –La Ópera Vehículo de Aprendizaje–, un programa impulsado pola Fundación SaludArte e o Teatro Real de Madrid, que foi importado en 2006 das aulas de Estados Unidos e agromou e creceu dende entón grazas ao compromiso pedagóxico de profesores como Ana Isabel Vázquez. Esta mestra de música do CPI de San Sadurniño realizou o pasado verán o curso formativo do proxecto, que puido poñer en marcha coa colaboración do titor e xefe de estudos do colexio, Juan Fernández. “Un dos principais atrancos é poder cadrar horarios para xuntar ás dúas aulas”, explica a profesora e coordinadora.
Traballan no proxecto seis horas á semana, as correspondentes ás leccións de música e lingua galega, porque que mellor maneira de aprender que adentrarse directamente na materia. Aínda que a produción desta ópera obrigounos a desenvolver outras moitas habilidades, “sobre todo o máis importante, as súas capacidades creativas, aínda que tamén as sociais e as emocionais”. Os alumnos lembran especialmente o día que lles repartiron as profesións, unha xornada de emocións contidas, e non tanto, houbo ata bágoas de ledicia. Tarefas que eles mesmos tiñan seleccionado en base aos seus gustos e condicións por superar, como Débora, disposta a perder a súa timidez como relacións públicas da iniciativa.
O proceso, salferido de visitas de distintos profesionais entre eles a dunha cantante de ópera ou a que realizaron os escolares ao faro de Estaca de Bares para ambientar o seu argumento, teno todo de traballo en equipo. “Unha das tarefas máis complicadas foi a creación do texto”, explican os escritores da obra, un labor no que participaron todos os membros da compañía. A composición musical tampouco foi para menos, e non faltaron voluntarios en poñer o seu talento co piano, a guitarra, a cabaza e a frauta travesa á disposición das responsables Paula Xián e Carmen Díaz –aos xilófonos–.
Unha exposición recollerá todo o material documental e os distintos pasos do proceso aínda que para ver o resultado haberá que esperar ao próximo mes de xuño. A Casa da Cultura acollerá a estrea da peza con pases os días 6 y 7. E como se do Teatro Real de Madrid se tratase, “Pegadas musicais” levará o seu “Segredo no faro” o mércores 11 tamén ao Jofre. Sós sobre o escenario, xa sen a guía dos mestres, é o momento de amosar todo o aprendido. Que comece a función. n