A Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega, da localidade mugardesa do Seixo, vén de reabrir a súa biblioteca adicada á escritora local Cristina Amenedo. A entidade ten máis de 6.000 exemplares de todo tipo de temática, con volumes de teatro, novela, poesía, literatura galega e historia de Galicia, música, idiomas, historia de España, ciencias ocultas, infantil e xuvenil, etc. A antigüidade dos libros esténdese dende o século XVIII ata a actualidade. O horario de apertura será martes e xoves, ademais dos sábados (primeiro e terceiro de mes) de 12.00 a 13.00 horas. A biblioteca está situada no primeiro andar do edificio da entidade, na avenida Bello Piñeiro do Seixo. A Sociedade de Amigos da Paisaxe Galega, que dirixe Manola López Quintián, anuncia que en breve a biblioteca servirá tamén para levar a cabo diversas iniciativas dentro da súa programación cultural.
xornadas teatrais
Así mesmo, a Sociedade Amigos da Paisaxe Galega organiza as XXIV Xornadas de Teatro entre o vindeiro día 30 de novembro e o 8 de decembro, facendo representacións diarias ás 20.00 horas. Abrirá a compañía Xábrega Teatro con “Filomeno búscame un neno”, seguindo o día 5 con Ghazafelhos coa comedia infantil “Bon Appétit”. O día 6 continuará coa compañía de Ares Ermelinda, do obradoiro municipal de teatro, que interpretará a peza “Viva o duque noso amo!”. O día 7 o grupo local Teruca Bouza representa a obra “Fóra de lugar”, para rematar a programación con “Que facemos coa herdanza?” a cargo da agrupación Xosemaría Pérez Parallé. O ciclo escénico conta coa colaboración do Concello de Mugardos, Novacaixagalicia e a Deputación da Coruña.