De “monólogo a dúas bandas” ou “duólogo” cualifican as actrices Isabel Blanco e Mariana Carballal a súa nova aposta escénica, “E(l)las Confidential”, unha obra que estrean mañá, ás 20.00 horas, no Pazo da Cultura de Narón. Coa colaboración do dramaturgo local José Prieto, que puxo en forma de diálogos as ideas das actrices.
A obra é unha aposta por un formato que mestura a realidade e a ficción con formato de monólogo no que, ás veces, interectúan as dúas protagonistas.
A actriz e directora Mariana Carballal (“Libro de familia”, “Os Tonechos”, etc.) fala da orixe da obra: “Había tempo que quería traballar con Isabel, e para as dúas había unha serie de historias que nos obsesionaban no noso traballo como actrices. Afortunadamente as dúas somos coñecidas, temos traballado moito, pero chegar aquí non foi doado para ningunha. Eu nacín no rural e Isabel na emigración, e sempre que se fala deste mundo da interpretación hai moito de irreal: que quen son os teus padriños, que con quen te deitaches... e a maioría das veces o que hai é unha grande vocación, moita loita e traballo e gañas de facer emocionar e rir á xente sobre un escenario”.
confidencias
Pola súa banda, Isabel Blanco (“Mareas Vivas”, “Un franco, 14 pesetas”, etc.), comenta que “desde o título vese que queremos facer confidencias e contar cousas que nos pasaron durante os nosos anos de actrices en Galicia. Hai un xogo entre a persoa e o personaxe, de feito imos vestidas de Cat Woman e ata que non esteamos no escenario non explicaremos a razón. A obra non é unha tese de doutoramento, é moi divertida aínda que conte temas serios para nós como os obstáculos e as peaxes que tivemos que pagar para chegar a ser profesionais. Son moitas cousas que unha tiña metida dentro pero ao final saíron e temos que agradecerlle o traballo a José Prieto”.
Blanco asegura que a obra foi un xeito de “catarse” e que o feito de estrear en Narón e o Día da Muller Traballadora “son ámbalas dúas circunstancias felices, tanto pola data como polo lugar, tan volcado sempre co teatro”.