“Coa alternativa sur, o impacto na enseada da Malata será crítico, irreparable”

“Coa alternativa sur,  o impacto na enseada  da Malata será  crítico, irreparable”
bedoya, nunha asemblea na escola de idiomas en xaneiro luis polo

As entidades que se opoñen ao trazado sur do ferrocarril a Caneliñas están dispostas a seguir mobilizándose para impedilo. Para alcanzar ese obxectivo, o máis urxente é concienciar á sociedade ferrolá do “impacto crítico” que terá a elección desta alternativa. Así, circula xa nas redes sociais un vídeo, titulado “O que esconde o viaduto do tren ao porto exterior”, no que se mostra a transformación sufrida pola enseada da Malata desde os anos 50 do século pasado.

 

O colectivo que representa asegura que esta nova obra condeará A Malata ao seu “peche definitivo”. Por que?

Neste punto baseamos a meirande parte dos nosos argumentos. Fixemos un vídeo no que se mostra como era antes a enseada da Malata. Nos anos 50 había 360.000 m2 máis de mar. Este chegaba á ponte anterior á de-sembocadura do río da Sardiña; o outro, o do Carballo Mouro, nos Corrais, chegaba onde hoxe están as pistas de atletismo. Todo iso era unha arnela –é dicir, a praia que se forma na desembocadura dun río–, onde nos bañabamos, pescábase e mariscábase... Pero para botar as vías do tren entre as instalacións militares da Graña e as de Ferrol, nos anos 50 fíxose un recheo entre o último baluarte que daba á Malata, Punta Arnela e Os Corrais, de xeito que as dúas arnelas quedaron completamente separadas do mar por unha estrada e un túnel escaso de dous metros, cos seus problemas para desaugar.

 

E que foi do tren?

A vía do tren non chegou a instalarse nunca, polo que a finalidade deses recheos desapareceu. Agora, esa estrada acorta o traxecto que había antigamente en non máis de 400 metros, polo que non supuxo mellora ningunha nas comunicacións. A carón diso montáronse as instalacións deportivas municipais, polas que o Concello paga 300.000 euros mensuais á Autoridade Portuaria. Así, unha lámina da auga que era pública e navegable ata o punto de que se pensou en crear alí os estaleiros reais que finalmente se levaron a Esteiro, hoxe pertence ao Porto. Non nos podemos esquecer tampouco do efecto que produce o peirao carboeiro sobre esa enseada e de que o banco marisqueiro da Cabana nin sequera está clasificada pola Consellería do Mar. Todas as obras que se anuncian son “imprescindibles”, unha tras outra. A seguinte será a que dalgún xeito esixa a xente baseándose no deterioro da zona. Dese modo, crearase unha gran explanada de 1,2 millóns de metros cadrados para almacenar mercadorías ou especular. Todo isto estase facendo de xeito deliberado.

 

Que motivos teñen para se opoñer ao proxecto?

Por exemplo, no estudo informativo faise unha valoración económica da alternativa na que non se computa a totalidade do percorrido, cando no proxecto si se indica que hai que modificar as vías entre o porto interior e a estación de ferrocarril e facer unha reparación no túnel da Malata, que comunica coa mesma estación. Todo isto, ao non figurar no proxecto, fai máis barata a alternativa sur. É dicir, valórase un proxecto por debaixo do que custa en realidade. Tamén fai variar radicalmente o orzamento o tipo de voladuras para o túnel que comunicaría A Cabana con Canelas. Dependendo da fase do proxecto, elíxese voladura controlada ou con tuneladora, que é máis cara e pola que se opta na fase C. Hai tantos datos contraditorios que pedimos a nulidade do estudo. Pero ao non contestar ningunha das nosas alegacións, malia termos coñecemento de que xa están feitas, e ao non ter publicado a declaración de impacto ambiental, vémonos na obriga de mobilizarnos.

 

Por que cren que non lles comunican as respostas ás alegacións?

Para non darnos tempo a que poidamos reaccionar. Fomento licita o proxecto construtivo cando a empresa que ten que optar a ese contrato non ten os datos necesarios, nin DIA, non saben que tipo de obra terá que realizar, logo non semella unha licitación correcta. Cando se adxudique, que vai facer esa empresa? Subir os prezos? Non está nada claro. No estudo informativo empréganse datos meteorolóxicos dun observatorio, o de Monteventoso, que xa non existe e non se valora o impacto na enseada da Malata, que é crítico, isto é, sen posibilidade de rexeneración de ningún tipo. Toda a zona da Cabana e A Malata deixará de ser navegable para embarcacións medianas pola altura insuficiente que terá ese viaduto que, ademais, levará 13 piares en menos de 300 metros de tramo.

 

O PP defendeu no pleno do mes pasado que un viaduto sobre a ría non a estropearía?

No seu momento, o Concello presentou alegacións que coinciden coas nosas e o actual alcalde comprometeuse a defendelas, pero no pleno incumpriu a súa promesa e ponse en contra das propias alegacións que elaborou a institución que preside. En proxectos de tal envergadura é imprescindible que a cidadanía se pronuncie.

 

Cal é a mellor alternativa para vostedes?

Se apostamos por criterios que sexan favorables aos intereses de Ferrol e non duns poucos empresarios, a norte. É a máis axeitada e, a longo prazo, a máis barata porque conectaría cos polígonos industriais.

 

“Coa alternativa sur, o impacto na enseada da Malata será crítico, irreparable”

Te puede interesar