“Escribir estes artigos en Diario de Ferrol aforroume unha consulta ao psicoanalista”

“Escribir estes artigos en Diario de Ferrol aforroume unha consulta ao psicoanalista”
fiesta o puntal,neda fiesta o puntal,neda.vicente araguas

Como un neno con tenis novos, o escritor Vicente Araguas (Neda, 1950) non dá descanso ao prelo e varias son as novidades editoriais que está a protagonizar. A máis inmediata é unha selección de columnas publicadas durante máis dunha década en Diario de Ferrol (os populares “miudiños”) que presenta mañá ás seis do serán na Galeria Sargadelos baixo o título de “Miudiños: Escolma 2001-2012” (Editorial Embora).

 

¿Que criterios fixo para seleccionar un libro cos seus “miudiños”?

Foi un traballo difícil no que lle teño que amosar publicamente o meu agradecemento á Editorial Embora. Estamos a falar de 3.500 artigos, que darían para vinte libros, e que se condensan nun. Pois ben, agás algún momento puntual de temática amorosa, o que se agocha detrás desta escolma é o cariño por Ferrol e por Neda e as súas xentes.

 

Os seus “miudiños” estiveron en Diario de Ferrol durante once anos. Pensaba en 2001 que chegarían a tanto?

Nin por asomo. Recordo a proposta de Germán Castro que matinei unha semana porque facer un artigo ao día non é doado. Nunca pensei botar máis dunha década e llo agradezo tanto a “Man” Castro como ao Carlos Miragaya, o actual director.

 

Cal foi a súa relación cos lectores ao longo destes anos?

Agás algún momento puntual de cabreo dalgún lector, e cartas teño recibido, a miña foi unha relación marabillosa. Xente que me parou pola rúa para darme unha aperta emocionada, regalos como unhas pelotas Gorila, e anécdotas coas que fiquei ben agradecido.

 

Cales foron os artigos que máis lle gustou facer?

Pode parecer pouco orixinal pero creo que os que mellor quedaron foron os de amor e morte, creo que as necrolóxicas non estaban nada mal. No fondo os “miudiños” foron unha crónica de min e de Ferrolterra, que non é outra cousa que o meu mundo.

 

Non lle costou facelos desde onde vive, en Madrid?

Ao revés, puiden facelos porque estaba a 600 quilómetros e tiña gañas de estar en Ferrol. Se estivese na casa non poría tantas gañas e sentimento. Mire, a min facer esas columnas aforroume ir á consulta do psicoanalista: libereime, espinme... digamos que con albornoz, pero ata me deu unha rutina de levantarme ás seis da mañá para escribir, que aínda manteño na actualidade.

 

Aportoulle algo tecnicamente?

Comecei en 2001 enviando os meus artigos escritos coa Olivetti e logo cambiei por suxerencia dalgún amigo xornalista. Co ordenador o estilo depúrase, vas ao gran. Creo que poñía máis adxectivos coa máquina de escribir, era máis barroco.

 

Agora comeza unha etapa na que saen varias novidades súas. Coméntenos algo.

Efectivamente, vén de aparecer en Huerga y Fierro a tradución ao castelán, de Andrea Araguas Valiño, dos contos de “Xuvia-Neda”. Tamén aparezo na escolma “Los mejores poemas de amor”, da editorial Pigmalion Edypro, con poetas de toda España, e no mes de maio presentarei na Biblioteca da praza de España o libro de poemas “Cando fóramos nevar”, na Colección Soláster de Fernando Bores.

 

“Escribir estes artigos en Diario de Ferrol aforroume unha consulta ao psicoanalista”

Te puede interesar