O pasado mes de decembro o escultor Enrique Tenreiro (A Coruña, 1969) participou na mostra colectiva que o Porto de Ferrol organizou na súa sala de exposicións baixo o título “De la figura a la abstracción”.
Agora, o artista coruñés vai desembarcar na Galería Sargadelos onde o xoves presenta, ás 20.00 horas, a mostra titulada “Demasiados bombones para este régimen”. Baixo este título agóchase unha intervención humorística cunha cama e un trono que en palabras do artista “é unha crítica á monarquía”.
O escultor coruñés fará unha instalación, cunha cama e un trono, crítica coa monarquía
Procedente dunha destacada xinea de arquitectos e artistas, como o seu avó Antonio Tenreiro Rodríguez, autor de edificios emblemáticos como o do Banco Pastor; o seu pai, responsable da Torre Esmeralda; e o seu tío, o reputado pintor Antonio Tenreiro; Enrique Tenreiro achega durante todo o mes a Sargadelos unha mostra que inclúe esculturas de madeira co seu estilo orgánico característico, xilografías e a citada instalación.
O creador, especialista en técnicas que van da escultura á cerámica ou á xilografía, leva tras de si unha decena de mostras individuais e o dobre de colectivas, incluíndo participación en feiras por toda Galicia. Ademais, tras Ferrol ten previsto facer exposicións e intervencións na Coruña, Ourense e Noia.