O pontés Andrés Penabad cambiou a guitarra polo acordeón cando os seus pais o levaron enganado un día a unha clase de Javier Díaz Carrasco. Despois dunha hora a impresión foi tan grande que decidiu cambiar de instrumento a pesar de que xa levaba seis anos dedicado ás cordas. “Eu empecei ós nove anos coa guitarra. Miña nai, despois de ver un programa na televisión local das Pontes, apuntouse a clases de acordeón e comprou un”, explica. Non lle fixera moito caso pero a experiencia con Díaz Carrasco foi decisiva. “Eu creo que o acordeón está moi infravalorado. Tódolos cativos novos queren aprender a tocar a guitarra eléctrica, a batería, o que sexa menos o acordeón, porque non teñen contacto con el. Incluso nos conservatorios ofrécese calquera instrumento menos este. Pero onde está un acordeón pódese facer unha festa e ademais toda a música actual está influida por el”.
Despois de máis dunha década de estudo, premios e colaboracións con diversos músicos, Penabad decidiuse a gravar o seu propio traballo, “Crossings”. “Xa levaba tempo na miña cabeza, era un soño e considerei que era o momento, ou agora ou nunca”. Impulsado por Bieito Romero (Luar na Lubre), a quen considera o seu padriño musical, e coa produción de Fernando Barroso (Cuarto Baleiro), sacou un disco con composicións propias e temas de Barroso, Kepa Junquera e tamén tradicionais. “Sempre digo que Bieito Romero é o meu padriño porque involucrouse moitísimo por min, foi o que me abriu as portas e me deu os pasos a seguir. El ten a súa vida resolta e non ten por que apostar por ninguén”, apunta, agradecido, Andrés Penabad. De feito antes da presentación nas Pontes fará a estrea a véspera, mañá venres, na taberna A Baiuca (en Arteixo, propiedade de Romero) e, pola noite, na Cova Céltica.
“Este é o meu primeiro disco pero gravei con moita xente, estiven dez anos en Muxarega e colaborei con Ulträqäns, Kepa Junkera, Óscar Fernández, Pablo Díaz, Avelaíña, Xabi Aburruzaga ou Xoán Carlos Rilo”. Esta experiencia musical reflíctese tamén nas achegas coas que conta en “Crossings”, onde está tamén Junquera (“coñecino hai dous anos, tocando no Festival de Pardiñas”), o propio Fernando Barroso, Edelmiro Fernández, Davide Salvado, Bieito Romero, Valentín García, Pedro Villarino, Óscar Fernández, Arancha Bouza, Ramón Dopico ou Pedro Fariñas.
Penabad presentará estes temas en diversos formatos, para adaptarse a diferentes escenarios e conceptos. No concerto desta fin de semana nas Pontes contará con boa parte dos músicos que colaboran no disco e despois pode xirar cunha banda (que inclúe baixo eléctrico, batería e percusión, guitarra acústica, gaita e sección de ventos) ou tan só co acompañamento dunha guitarra.
Na traxectoria de Penabad cruzouse tamén a orquestra de acordeóns Robaleira, de Cedeira, cos que incluso gañou premios como solista no certame de Arrasate dos anos 2005 e 2010. A seguinte parada da súa xira de presentación será alí, no auditorio municipal, o sábado 22. Pero a vida musical deste intérprete pasa tamén polo Conservatorio de Música de Getafe, pola Escola de Música Moderna Estudo (en Santiago) e por clases con mestres como Oleg Sharov, Iñaqui Diéguez e Ángel Luis Castaño. Agora é el quen dá clases e, mentres apura os ensaios para a estrea dunha nova etapa vital, agarda tamén que empecen a caer novas datas na súa axenda de concertos. Os festivais folk do verán agardan por Penabad.