Galicia xa ten a súa enciplopedia dos xoguetes populares e o seu responsable é o escritor ferrolán Antón Cortizas que onte a presentou no IES de Canido onde imparte aulas. De feito, a entrada do centro educativo acolle na actualidade unha exposición de xoguetes elaborada polo propio Cortizas que amplía como artesán o seu labor de investigador e escritor.
“Tastarabás” (Edicións Xerais) é un volume no que o escritor e mestre leva traballando máis dunha década, que inclúe un milleiro de xoguetes, máis de 2.000 fotografías e ten catro quilos e medio de peso. Por esta e outras razóns o profesor Paco Veiga, membro de Nova Escola Galega, da Asociación Galega de Xogo Popular e Tradicional e de diversas entidades na defensa da cultura popular, afirmou que o acto de onte era “un fito na historia de Galicia. Estamos ante unha obra universal, porque en todo o mundo hai xogos semellantes, aínda que en cada lugar coas súas características. Neste caso temos diante unha obra que é un fragmento do noso ser cultural como pobo”.
Veiga, un dos catro prologuistas do libro, alabou o traballo de Cortizas do que dixo que sistematizara “dun xeito rigoroso este coñecemento do que moitos han beber. De feito entou convencido que de aquí sairán moitas teses de doutoramento”, augurou.
esforzo maratoniano
Na presentación en Canido o director de Edicións Xerais, Manuel Bragado, definiu a Cortizas como un “mestre clásico” e, tras lembrar o seu currículum como escritor e investigador, cualificou de “aportación marabillosa á nosa etnografía” o volume. Neste sentido, Bragado afirmou que como editor non era habitual poder presentar obras da magnitude de “Tastarabás”. Así mesmo, o editor cualificou o esforzo de Cortizas de “maratoniano” por adicarlle horas non só á investigación e á escrita, senón ao traballo de recrear fisicamente os xoguetes tradicionais.
Pola súa banda, Antón Cortizas, antes de proxectar unha serie de diapositivas sobre a súa obra, asegurou que “a mellor escola foi o xogo tradicional na rúa. A importancia do xogo na creación da personalidade é inmensa porque aprendes a convivir, a repartir e mesmo a aprender”.