Unha vez máis o humor gráfico volve encher as paredes da sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. A partir de hoxe, a inauguración oficial será ás 20.00 horas, poderá verse neste espazo cultural a exposición “Xeración Retranca”, promovida pola Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Fene en colaboración coa Deputación da Coruña.
A mostra recolle orixinais de destacados humoristas galegos que formaron parte do elenco de autores que publicaron na revista Retranca entre os anos 2007 e 2011. Salientan nomes como Kiko da Silva, Pinto&Chinto, Leandro, Andrés Meixide, Miguelanxo Prado, Alberto Guitián, Luis Davila, Fernando Iglesias “Kohell” ou José Antonio “Bernal”, xunto cos clásicos do humor gráfico galego como Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “O Carrabouxo”.
A maiores, a exposición compleméntase cunha colección de paneis nos que se dá conta da historia desta singular revista, fundada en Vigo en outubro de 2007 polo debuxante Kiko Da Silva. Neles, os visitantes poderán facer un seguemento dos principais temas tratados en Retranca, coñecerán aos autores (debuxantes, escritores, xornalistas, etc.) que participaron no proxecto así como á súa mascota, deseñada polo propio Kiko Da Silva.
A exposición “Xeración Retranca” permanecerá aberta ao público na sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene desde hoxe venres ata o vindeiro 31 de outubro en horario de visitas de luns a venres, de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 21.00, e os sábados, de 10.00 a 13.00 horas.
valoración histórica
Segundo explica o estudoso Félix Caballero Wangëmert no seu documentado artigo “La revista Retranca y su papel catalizador del nuevo humor gráfico gallego”, esta publicación humorística, que durou exactamente catro anos e foi continuadora de Can sen Dono, O Farelo e Xo!, “constituíu un fito na historia do humor gráfico galego por dúas razón principais: inaugurou un novo modelo de publicación en Galicia, híbrido de humor gráfico e cómic, na liña de El Jueves, e reuniu a case a totalidade da nova xeración de humoristas gráficos galegos (Kiko Da Silva, Pinto & Chinto, Leandro, Andrés Meixide, Davila…), adoptando un papel catalizador. O seu impacto traspasou pronto as fronteiras galegas e así en 2007 obtivo o Premio do Público á Mellor Revista no Salón do Cómic celebrado en Barcelona, e boa parte dos colaboradores da revista El Jueves debuxaron tamén para Retranca”.