A vicepresidenta do Padroado de Cultura de Narón, Marián Ferreiro, e o presidente da Sociedade Cultural Areosa de Piñeiros, Bruno González, presentaron onte os actos programados con motivo da celebración, o vindeiro sábado 6, do Día dos Maios. A actividade comezará ás 16.30 horas no local social de Piñeiros coa concentración dos participantes nesta edición. Desde alí partirá media hora máis tarde unha comitiva para se desprazar ata a Praza de Galicia, percorrendo así un tramo da Estrada de Castela, para unha vez na devandita praza –arredor das 18.00 horas– dar comezo ás actuacións dos grupos das Escolas do Padroado da Cultura. No mesmo lugar, integrantes da Sociedade Cultural Areosa ofrecerán un chocolate aos asistentes.
Gran alfombra floral
Entre as novidades desde ano inclúese a elaboración dunha gran alfombra floral na propia Praza de Galicia.
O artista Leandro Lamas será o encargado de realizar o deseño sobre o que poderán traballar, na colocación da flor, todas as persoas interesada, ao tratarse, tal e como se informou, dunha actividade participativa. As dimensións da alfombra serán de 15x15 metros.
Obradoiros de arte floral, unidades didácticas nos centros educativos, actividades nas entidades veciñais e outras propostas complementan o programa dun evento que sempre acada gran participación.