“Os pobos de emigrantes, como Galicia, síntense presentes nos longos camiños do mundo. Nas comunidades que axuntan ós fillos na diáspora atópanse sempre persoeiros que levan a elas e manteñen acesa a lumieira do espírito e que aportan, en troque, á terra o mellor de canto lonxe dela poideron enxergar. Este é, entre tantos, o caso de Manuel Rodríguez López, afervoado cronista da actividade dos galegos en Cataluña e mensaxeiro alá do noso vivir”. Así falaba Xosé Filgueira Valverde acerca do poeta, periodista e tradutor lucense Manuel Rodríguez López(1934- 1990), significando o seu papel de ponte cultural entre Galicia e Cataluña, como o caso do seu amigo Basilio Losada.
O rescate do seu traballo está na base do “Proxecto Manuel Rodríguez López”, unha iniciativa emprendida por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Lugo así como a Real Academia Galega.
exposición itinerante
Trátase dunha mostra itinerante que, grazas á colaboración do Club de Prensa, poderá verse desde hoxe en Ferrol. A iniciativa inaugúrase ás 20.00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e permanecerá na cidade ata finais deste mes. A mostra comezou o seu percorrido na Casa da Cultura de Paradela para logo viaxar por toda Galicia, Barcelona e Madrid. Está composta por oito paneis dobres, nos que se reflicte de xeito moi gráfico a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Cataluña a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Cataluña, o vínculo entre Galicia e os galegos emigrantes no país catalán.
O seu traballo xornalístico inclúe o seres correspondente de varios xornais galegos en Cataluña, entre eles El Ideal Gallego, e un variado labor asinado moito del co nome de “Oreste”, así como en Radio Nacional ou en Radio Popular de Lugo.
Fillo de emigrantes, residiu na emigración en Barcelona desde os seis anos ata 1987, data na que se afincou definitivamente na cidade de Lugo. Fixo estudos de humanidades e filosofía no Seminario Diocesano de Barcelona, e de contabilidade e lexislación laboral. Foi xefe administrativo dunha empresa siderometalúrxica, ata o peche da mesma en 1984. Pero o seu traballo é lembrado no mundo literario, singularmente a poesía, que publicou a partir de 1968 logrando diversos premios e caracterizada por un forte contido social. Na prosa destaca o seu libro de conversas co escritor Ánxel Fole e as obras sobre a relación dos galegos con Cataluña. Asemade, cantantes como Suso Vaamonde, Xerardo Moscoso, Alfredo González ou Mª Carmen Otero musicaron e cantaron varios dos seus poemas en numerosos recitais.
recordo vivo
Na actualidade leva o seu nome o centro cultural de Paradela, desde hai anos celébrase un premio literario, en prosa e poesía, que recorda a súa figura e na internet pode consultarse unha completísima páxina que lembra o seu labor e os proxectos ao redor da súa obra. Un deles é esta mostra itinerante que desde hoxe pode verse en Ferrol e que segue a percorrer toda Galicia.