Concello, Toxos e RAG organizan en Ferrol un congreso sobre as Irmandades

Concello, Toxos e RAG organizan en Ferrol un congreso sobre as Irmandades
O congreso salientará o papel do Toxos e Froles nas Irmandades jorge meis

Neste ano 2016, no que se conmemora o centenario da creación das Irmandades da Fala, Ferrol converterase os días 28 e 29 de outubro na sede dun congreso que baixo a organización do Real Coro Toxos e Froles, o Concello de Ferrol e a Real Academia Galega permitirá salientar o papel xogado tanto polo devandito coro como por outros persoeiros ferroláns na difusión do ideario irmandiño. Historiadores, catedráticos e investigadores farán as súas achegas nas mesas redondas e charlas que darán forma a un programa que levará por título “Toxos, Ferrol e as Irmandades da Fala”.
Haberá ademais un apartado reservado á lectura de comunicacións axustadas á temática sobre a que versará a cita e mesmo aquelas que vinculen aos coros galegos coas Irmandades da Fala. Os interesados en remitir os seus traballos poderán facelo ata o vindeiro 7 de outubro.

asistencia
A inscrición para poder asistir ao congreso, que terá lugar no local social do Real Coro Toxos e Froles (Rúa Magdalena, 220), será totalmente gratuíta. O prazo, xa aberto, prolongarase ata o 15 de outubro. O número de prazas está limitado a cen.
O encontro comenzará o venres 28 de outubro, ás catro da tarde, coa recepción dos asistentes. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, impartirá a continuación a conferencia inaugural para falar de “As Irmandades da Fala, algo máis ca un movemento pola lingua”.
Unha mesa redonda sobre a figura de Xaime Quintanilla, ao que tamén se lle rendirá unha homenaxe a través dunha ofrenda floral no monumento á súa memoria na Alameda de Suanzes e a actuación do Toxos completarán a primeira xornada.
A actividade continuará o sábado 29, con tres novas mesas redondas sobre a edición e ilustración gráfica nas publicacións do tempo das Irmandades, a situación da cidade ferrolá antes das Irmandades da Fala e ás primeiras adhesións á devandita organización.
A organización establece bolsas de viaxe por importe de 60 euros para estudantes de posgrao das universidades galegas que o soliciten, agás os dependentes do campus da UDC de Ferrol. Emitirase tamén un certificado de asistencia.

Concello, Toxos e RAG organizan en Ferrol un congreso sobre as Irmandades

Te puede interesar