“Sorprendente e brillante”. Así cualificou a organización do Parlamento Xove, a través web oficial da cita, a actuación do equipo do IES Saturnino Montojo que o pasado sábado tomou parte na competición promovida desde Dirección Xeral de Xuventude, na que se deron cita unhas quince formacións de centros de toda a comunidade galega.
A pesar de que o grupo de alumnos de 4º de ESO integrado por Mateo Buján Varela, Irene Arto Escuredo –e non Escudero como por erro se informou neste xornal–, Sandra Díaz Seoane e Darío García Rodríguez non conseguiron finalizar entre os dous primeiros equipos que o vindeiro 6 de abril protagonizarán o debate final no Parlamento de Galicia, a súa actuación non pasou desapercibida no certame.
Así, o equipo tan só venceu un encontro dos tres disputado e obtivo un total de 86,75 puntos –a segunda mellor puntuación acadada polos participantes–. Sen embargo, o regulamento do concurso establece que a clasificación dos equipos establécese, primeiro, polo número de debates gañados e, en caso de empate, teríanse en conta os puntos logrados.
mellor orador
Ademais, os membros do xurado, que salientaron o elevado nivel da maioría dos equipos participantes, elixiron como mellores oradores da xornada ao alumno do instituto ferrolán Mateo Buján e á estudante do SEK Atlántico de Poio Candela Janeiro.
A profesora e coordinadora do Equipo de Normalización Lingüística do IES Saturnino Montojo, Carmen Fernández, que acompañou aos rapaces á competición, destacou non só a actuación dos alumnos senón tamén o gran esforzo e traballo de preparación realizado nas semanas previas.
Na cita do sábado no Pazo de Mariñán tamén competiu un equipo do CPI Conde de Fenosa de Ares, que tras gañar un dos debates celebrados, rematou cunha puntuación total de 58.50 puntos.
O tema sobre o que os participantes tiveron que debatir centrouse no consumo responsable.
Trala fase clasificatoria do Parlamento Xove para alumnos de ESO, o Pazo de Mariñán acollerá de novo o vindeiro mes, entre o 1 e o 2 de marzo, a competición para os alumnos de Bacharelato.