O novo libro de poemas de Vicente Araguas, “Cando fóramos nevar”, ten como punto de partida unha nevada en Ferrol en 1963, cando era neno. Ese é o arranque dun conxunto “confesional ata un punto” no que caben lembranzas, influencias culturais, xentes ancoradas na memoria e homenaxes. E isto cunha proposta variada nas formas, na que hai poemas tan reducidos como haikus pero tamén prosa poética.
“Cando fóramos nevar” está editado pola Sociedade de Cultura Valle-Inclán
Polo libro de Araguas pasa a neve, elemento poético cheo de significados, e tamén o Ferrol da súa infancia e xuventude, coa represión e o gris pero coa música –non podía faltar– dos Beatles, de Leonard Cohen ou de Adamo. “É un libro moi ferrolán. É absolutamente ferrolán por todos lados. Saiume así”, comenta o autor. “Temos unhas raíces, unha orixes, unhas raigames, e Ferrol marca moito. Eu son de aquí e aquí é onde me sinto recoñecido”.
A obra, que levaba xa anos escrita, publicouse finalmente a través da Sociedade de Cultura Valle-Inclán, dentro da súa colección Soláster. O seu editor, Fernando Bores, acompañou a Vicente Araguas na presentación que tivo lugar onte na biblioteca da praza de España. Na mesa, co autor, estivo Henrique Dacosta.
“Cando fóramos nevar”, que se presentou recentemente en Madrid, é unha nova achega literaria de Araguas, que promete novas propostas en breve, nun ano de grande fecundidade.
cameselle
A actividade na biblioteca segue hoxe coa presentación da novela “El mapa de tus sueños”, de Teresa Cameselle, ás 19.30 horas.