O colectivo Terra de Pontedeume celebrou onte na vila o Día de Rosalía cunha xornada de actividades programada conxuntamente coa Asociación Semente Trasancos, entidade de defensa dunha escola pública e en galego nos niveis non obrigatorios. O acto central foi o concerto da artista Uxía, que presentou a pequenos e maiores os temas do seu disco “Rosalía pequeniña”.
A celebración comezou xa antes, cunha laconada propia destas datas no local do colectivo Terra na que os participantes disfrutaron dunha ampla variedade de postres típicos das festas do Entroido. Organizouse un obradoiro de pintura para os pequenos e outras actividades, antes de trasladarse todos ao Centro de Maiores para asitir ao concerto de Uxía. Desde o colectivo Terra apuntouse que o recital tivo lugar no citado espazo de NovaGalicia Banco pola negativa do Concello a ceder a Casa de Cultura.
O público gozou das cancións de “Rosalía pequeniña” interpretadas por Uxía e incluídas nun libro disco editado por Galaxia. Nel mestúranse poemas da autora de “Letras Galegas” con ilustracións de María Seoane e a voz de Uxía.
O Día de Rosalía, que en realidade é hoxe, conmemora o nacemento da poeta, o 24 de febreiro de 1963 en Santiago. A data vai ser celebrada por outras entidades culturais de Ferrolterra, como a asociación Medulio, que organiza hoxe coa Deputación da Coruña e a colaboración da ASPG e a asociación cultural O Galo, unha conferencia seguida dunha representación teatral. Francisco Rodríguez e Joám Luís Ferreiro Caramés falarán de “Rosalía, Cantares Gallesos e Víctor López Seoane” e o grupo de Medulio poré en escena a peza “O Mundo segundo Rosalía” a continuación. A cita é ás oito da tarde na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol.
A galería Sargadelos tamén ten hoxe unha cita con Rosalía. A Asociación de Escritores en Lingua Galega celebra alí esta tarde, ás oito, un recital poético a cargo de Xosé Leira, Rosa Martínez, Antón Cortizas, Aurora Varela e Rosa Méndez, que rematará coa lectura do Manifesto que a entidade fai público tódolos anos nesta data.
A autora de “Follas Novas” estará presente tamén hoxe na biblioteca municipal da praza de España. Alí ás 19.30 horas o dúo formado por Xaime Marí e Jesús Matesanz ofrecerá unha charla sobre Rosalía e a un recital de poesía.