O grupo de teatro do instituto Concepción Arenal, na final do certame Xuventude Crea

O grupo de teatro do instituto Concepción Arenal, na final do certame Xuventude Crea
Diario de Ferrol-9999-99-99-999-8c5c4935-p

A final do Certame Galego de Creadores Novos, Xuventude Crea 2017, contará con representación ferrolá na categoría de teatro. O grupo do IES Concepción Arenal é unha das seis formacións que acadaron o billete para tomar parte na definitiva fase desta convocatoria da Consellería de Política Social, que terá lugar do 15 ao 17 deste mes en Serra de Outes.
Os ferroláns serán os primeiros en actuar ante o xurado encargado de resolver o fallo final. Farano o día 15, ás 17.00 horas. A partir dese intre poñerán en escena a peza “Os facedores de bonecas”, unha obra escrita pola profesora Belén Roca, coodinadora tamén do obradoiro teatral do instituto ferrolán.
A docente decidiu retomar o curso pasado unha actividade que xa tivera moito pulo durante moitos anos coa profesora Ángeles Seoane.

Estudantes
Un total de 14 rapaces de 1º de Bacharelato en 3º de ESO implicáronse nunha iniciativa que tamén serve aos estudantes de 2º de Bacharelato que cursan a modalidade de artes para facer algunhas prácticas.
Así, por exemplo, eles foron os encargados de preparar a posta en escena da montaxe como traballo de aula. A colaboración nesta iniciativa, cun marcado carácter transversal exténdese tamén a outros profesores e departamentos do centro.
A obra, que foi publicada hai uns anos na Revista Galega de Teatro, aborda o tema da incomprensión sobre a xente que é diferente.
Representada xa no propio instituto e tamén no Teatro Jofre, o grupo viaxará en apenas dúas semanas á final para, sobre todo, gozar da experiencia.
E é que, segundo apunta Roca, o nivel do certame é moi alto, xa que entre os finalistas figuran incluso grupos universitarios, polo que para os ferroláns, o feito de acceder á derradeira fase, xa é un premio.
A coordinadora do grupo, cuxas sesións de traballo teñen lugar fóra do horario lectivo, salienta o entusiasmo e traballo en equipo duns rapaces que, a través das artes escénicas, están a traballar valores como o esforzo, o compañeirismo, a empatía e os vínculos coa cultura. l

O grupo de teatro do instituto Concepción Arenal, na final do certame Xuventude Crea

Te puede interesar