“História literária e conflito cultural. Bases para unha história sistémica da literatura na Galiza”, de Isaac Lourido Hermida, e “A busca da orixe perdida das especies”, de María Cristina Pavón Mauriz, foron as dúas obras galardoadas na XX edición do Premio Carvalho Calero nas categorías de ensaio e creación literaria, respectivamente. O fallo do xurado foi dado a coñecer onte por Reyes García, concelleiro de Cultura, e Elia Rico, presidenta da asociación cultural Medulio, organizadora do premio.
O ferrolán Isaac Lourido Hermida é na actualidade lector no Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa. Desde a capital lusa destaca a satisfacción por ter acadado este premio cun traballo sobre o sistema literario en Galicia, e enumera os motivos que o levaron a presentarse: “Cando fas investigación é difícil poder publicar os teus traballos e que se dean a coñecer fóra do ámbito académico, e este premio o posibilita coa publicación. Ademais a posibilidade dunha escolla lingüística reintegracionista fai moi atractivo este premio. E logo está Carvalho Calero. Ademais el foi un especialista na historia da literatura e precisamente o meu traballo trata de anovar nese eido”. Así, Isaac Lourido sintetiza a cerna de “História literária e conflito cultural. Bases para unha história sistémica da literatura na Galiza” salientando: “quixen facer unha achega anovadora partindo do feito de que tradicionalmente a historia da literatura galega ten en conta só a lingua, cando en Galiza hai dous idiomas, o galego e o español. Así que, partindo da miña tese de doutoramento, trato de repensar o modelo e centralo nunha óptica espacial que nos levaría a unha historia da literatura na Galiza. Sen deixar de lado o conflito simbólico existente entre o español e o galego, que suma connotacións e prestixio”.
a memoria
Pola súa banda a escritora viguesa María Cristina Pavón, que xa acadou diversos premios e foi finalista do Xerais en 2009, logrou o certame coa novela “A busca da orixe perdida das especies”. Para ela, “gañar ten moito valor, non só polos cartos e o prestixio, senón pola propia publicación do teu traballo”. En canto a súa obra defínea como “un conxunto de relatos que falan da memoria desde diferentes puntos de vista e desde un punto de vista moi persoal e con elementos de ciencia ficción nalgún dos relatos”
Ao certame Carvalho Calero presentáronse un total de catro ensaios e vinte novelas.
O xurado deste ano estivo composto por Mercedes Queixas Zas, Miguel Mato Fondo, Xesús Constela Doce e Luis García Soto (gañador do XIX Premio Ricardo Carvalho Calero), sendo o presidente o edil de Cultura e a secretaria Elia Rico como representante de Medulio.
Todos eles coincidiron en destacar a calidade de “História literária e conflito cultural. Bases para unha história sistémica da literatura na Galiza”. Unha obra que cualificaron como “intelixente e imaxinativa, orixinal e moi ben resolta”. Así mesmo, valoraron a súa gran habilidade “para afondar na psicoloxía das personaxes”.
Por outra banda, os membros do xurado describiron a obra “A busca da orixe perdida das especies” como “un tema de interese e actualidade, moi innovador e amplamente documentado”. Así, como valores do traballo quixeron destacar a súa “elevada esixencia formal e alta calidade na escrita”.