O escritor Manuel Rivas trouxo á Biblioteca Central da praza de España os seus “Poemas de 21 gramos na báscula de Ohio”, un regreso ao seu territorio poético que nunca abandoa e que nunca o abandoa. De feito comezou a súa intervención lembrando unha cita de Faulkner: “a poesía protexe a súa xente”.
Rivas veu a Ferrol convidado pola Semana da Poesía Salvaxe que organizan Guillermo Ferrández e Karlotti e, nunha ateigada e expectante sala, foi este último quen fixo unha semblanza dos temas poéticos próximos ao escritor, desde a natureza á memoria, desde o mundo rural e a súa perda á solidariedade.
a terra que se esconde
“Un verso de Camões di: ‘Aínda hai moita terra que se esconde’, que me parece todo un manifesto literario”. Tras estas palabras Manuel Rivas comezou a a lembrar a cerna deste novo poemario, o primeiro desde “A desaparición da neve” en 2009 e que terá edición en papel este verán. Rivas adiantou que se compón de catro partes e que nelas ten unha grande importancia a natureza e a súa dor polo que lle está a acontecer ao planeta.
Tamén destacou o apartado que leva por título “Oracións fúnebres”, unha homenaxe a persoas ás que o poeta considera heroes e entre os que están Elisa e Marcela, dúas lesbianas que casaron na Coruña a comezos do seculo XX para logo fuxir a América, ou Ánxel Vila, o patrón do Xurelo, o barco co que o escritor coñeceu a fosa Atlántica. Rivas foi lendo os versos do futuro libro e comentando a súa xénese ao numeroso público co que compartiu o acto.