O fotógrafo ferrolán Nacho Doce gaña o premio POY Latam de Deportes

O fotógrafo ferrolán Nacho Doce gaña  o premio POY Latam de Deportes
dúas das imaxes da serie de doce coas que o fotógrafo ferrolán gañou o poy latam nacho doce

Baixo o viaducto Alcantara Machado, no distrito de Mooca, en Sao Paulo, o exboxeador Nilson Garrido montou un ximnasio cun equipamento creado a partir da reciclaxe doutros materiais, cos que achegar o deporte á poboación máis pobre e marxinada. O fotógrafo ferrolán Nacho Doce, que vive desde hai tres anos na cidade, logo de pasar seis en Lisboa, viu esta inusitada vida baixo a ponte e achegouse a coñecer a realidade deste home e dos rapaces que botan horas entrenando para converterse en grandes deportistas e ós que, nas condicións de vida máis adversas, ofréceselles cando menos un soño. Como a Gorila e a Talento, ou como a Laercio e ó seu entrenador Mauricio, que dá máis ben leccións de vida que de boxeo.

Esta serie de imaxes gañou o premio á Imaxe do Ano en Latinoamérica na sección deportiva (Picture Of the Year Latam 2013), unha honra que distingue o traballo de Doce entre o de centenares de fotógrafos de Sudamérica e a Península Ibérica. Trátase do maior certame de fotografía documental do continente e o xurado conta con nomes como os de Cristina García Rodero, Pascal Maitre, Luis Weinstein, Nair Benedicto, Mary Ellen Mark ou Santiago Harker.

Nacho Doce traballa para a axencia Reuters desde o ano 2003, en que se estableceu en Lisboa. Antes fora fotógrafo de El Mundo e, cando estudaba en Barcelona, tamén traballou durante unhas semanas na súa cidade natal, facendo unha substitución na delegación local de Diario 16. A piques de marchar para a Amazonia a facer unha reportaxe sobre a tala de árbores, explica para Diario de Ferrol como ve a vida desde Sao Paulo.

“Reuters Brasil coñecía as perspectivas de futuro deste país e eu, sabía tanto español como portugués, por vivir en Lisboa seis anos. Así que quí estou. Hai moita xuventude cunha forza e capacidade de creación, de crecemento e oportunidades que só estando aquí se pode observar. Falo de Sao Paulo, con 19 millóns de persoas. En Brasil son 190 millóns, ou sexa, un continente”, comenta Nacho Doce por correo electrónico. “Os ciclos mudaron, rematou unha historia en Europa. Deixou de ser a cara do mundo e iso dáme pena, xa que os dous piares máis importantes que ten, a seguridade social e a educación gratuíta, poden derrubarse, e sería catastrófico”.

Doce regresa a Ferrol tódolos anos para visitar á familia e reecontrarse cun Atlántico que ama. Ten aquí amizades e tamén lembranzas, como a de José Couso, co que compartiu clases particulares. “Vin a escultura que lle dedican no Cantón e quedeime en estado de shock”, explica.

Cando vén á súa cidade natal atopa “a praza de España da mesma forma, non mudou nada, o mesmo autobús fronte ó difunto Ola a piques de irse cara a atrás co semáforo en vermello. O centro está en agonía, a Mariña foise, os estaleiros morren. De-sexo que lle fagan un busto á persoa ou persoas que poidan darlle un xiro de máis de 180 graos a Ferrol, ás súas perspectivas, para ser unha cidade referente en Galicia”. E o desenvolvemento pasa por “unha comarca que hai que explotar de forma saudable” e tamén por aplicar solucións imaxinativas e “dar alternativas a unha sociedade acostumada a ver o mesmo tódolos días. Hai que poñer aí toda a enerxía porque os máis novos necesitar ver un futuro nas súas vidas, senón marchan”.

O fotógrafo ferrolán Nacho Doce gaña o premio POY Latam de Deportes

Te puede interesar