O Oenach de Sedes aspira ao título de Festa de Interese Turístico Galego

O Oenach de Sedes aspira ao título de Festa de Interese Turístico Galego
imaxe da recreación do pasado ano na feira do trece daniel alexandre

“Dado que se trata dun evento único en Galicia, dende o Concello de Narón estase a traballar para que o Oenach Atlántico obteña o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego”.  Así anunciou onte a Concelleira de Turismo, María Rodríguez Porto, o intento municipal de impulsar unha das festas máis singulares da comarca que se celebran desde o venres ata o domingo na Feira do Trece, na parroquia naronesa de Sedes.
O Oenach é un lugar de encontro da comunidade territorial, onde se fai unha recreación da vida dos antigos celtas a través da súa gastronomía, artesanía, mercadiño, un museo castrexo, música, xogos rurais e carreiras populares, recreacións parateatrais, etc… Tódalas actividades realízanse na área da Feira do Trece na parroquia de Sedes.
Máis de 200 de veciños preparan durante seis meses os obradoiros, e as recreacións teatrais e simulacións vivas da vida na aldea castrexa, convertendo este evento nun exercicio de didáctica do patrimonio rural, cun interese turístico contrastado.
O Oenach Atlántico acada este ano a súa XV edición e tal e como indicou o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, este evento non sería posible sen o esforzo que fai cada ano o Grupo de Traballo de Sedes para que todo funcione á perfección, a pesares de ter reducido o seu orzamento respecto a edicións anteriores a causa da actual crise.

programa
O programa comeza o venres 26 ás 22.30 horas coa recreación do renacemento do lume no novo solsticio, na aldea castrexa. Posteriormente haberá unha noite de música, con instrumentos e cantigas tradicionais.
O sábado a cita ábrese en Sedes ás 11.00 horas con diversas actividades. Haberá unha feira de artesanía, con máis dunha ducia de construtores de instrumentos tradicionais musicais, xunto con outros artesáns galicianos. Tamén poderá verse un mercadiño aberto con todo tipo de produtos de interese doméstico e artesán, expostos en máis de 40 postos de mostra e venda. Tamén haberá un espazo lúdico con inchables, camas elásticas, lanchiñas e xogos para os máis pequenos.
Non faltará un “obradoiro gastronómico”, cociña en vivo de porco celta, polo de Mos, coello de monte ao espeto, e braseiro de xurelo lañado. No “Rueiro das Tres Cuncas e dos Tres Quitafames” os visitantes atoparán viños colleiteiros albariños, mencías e ribeiros, e xantares a prezos populares.
Levarase a cabo ao redor das 13.00 horas unha “parada de etnografía musical” no campamento castrexo, co grupo “Alxibeira” do Padroado de Cultura de Narón e unha mostra de traxes e danzas tradicionais. A media tarde poderá gozarse dun obradoiro aberto de xogos populares.
Ás 22.30 horas celébrase a “Noite do Castro”, unha recreación teatral no próximo castro de Eiravedra, a cargo da Grande Compañía de Teatro Comunitario Aldeano de Sedes e entrega da Alfaia Castrexa a unha persoa esgrevia da Terra de Trasancos.
O domingo a xornada final comeza ás 11.00 horas coa recreación museística viva da Aldea Castrexa, con pallozas temáticas sobre canteiría, cestería, cerámica, tecido, coiro, ferreiría, etc., así como a feira de artesanía, mercadiño aberto, espazo lúdico, e rueiro gastronómico.
Ás 12.00 horas levarase a cabo unha mostra de cans de palleiro, con exhibición de exemplares e adestramento. Ás 13.00 horas, unha recreación teatral na aldea castrexa e, posteriormente, unha parada da Banda Municipal de Gaitas do Padroado de Cultura de Narón. Pola tarde, a partir das cinco, regresa o obradoiro aberto de xogos populares e rurais. Xa ás 19.30 horas, e antes da clausura do Oenach Atlántico, celebrarase unha carreira popular do Castro de Eiravedra, aberta a tódalas idades  con inscricións ata 30 minutos antes da proba.

O Oenach de Sedes aspira ao título de Festa de Interese Turístico Galego

Te puede interesar