A Federación de Asociaciones de Coros y Danzas de España (Facyde) celebrou onte en Pontedeume a súa asemblea anual e diversas actividades organizadas polo seu socio local, a agrupación folklórica Orballo.
Así, ao redor de 80 socios de Facyde de toda España reuníronse na Casa da Cultura eumesa desde primeiras horas da mañá. O acto inicial desenvolvido foi unha asemblea ordinaria e presentación dun volume que recolle a riqueza do traxe rexional, “Indumentaria tradicional en España”, de notable riqueza gráfica.
O acto contou coa presenza do presidente e vicepresidente de Facyde, José Serrano e Rafael Romero, respectivamente, así como da vocal Cristina Incera. Como anfitrión estaba o presidente da asociación folklórica e cultural Orballo, Eduardo Mourelle, e do propio alcalde eumés, Gabriel Torrente, que recibiu a última hora da mañá aos visitantes.
Tralo xantar, e a pesar da xornada chuviosa, o grupo desprazouse ata a Fraga do Eume e o mosterio de Caaveiro espazos nos que a asociación Orballo vén de gravar un videoclip incluído no seu primeiro traballo discográfico, presentado a pasada semana.
Os asociados de Facyde regresaron xa polo serán á Casa da Cultura eumesa onde levaron a cabo a súa asemblea xeral extraordinaria. Finalmente, os actos trasladáronse ao Pazo do Monte de Ferrol. Durante a cea que clausurou o acto, e na que participaron ao redor de 120 persoas e actuaron os grupos de gaitas, pandeiretas e baile de Orballo e se proxectou o citado vídeo da entidade cultural eumesa.
a tradición en números
Formada por 57 asociacións de Coros e Danzas de 21 provincias e 14 Comunidades Autónomas, a actividade de Facyde engloba 3.000 personas, entre bailaríns, músicos, cantantes e colaboradores. O seu patrimonio inclúe unhas 800 danzas, 200 traxes locais e do seu labor benefícianse uns 2.500 alumnos.