Despois de toda unha vida dedicándose á música en diferentes agrupacións de moi variados estilos musicais –na última década foi compositor e letrista das bandas El Viejo Caracol y Blah! e guitarrista e batería doutros grupos de rock, folk e pop de Galicia como Charetas, Cinza ou Retobato, entre outros–, o ferrolán Óscar Fojo (Ferrol, 1978) decidiu que chegaba o momento de “contar e cantar en primeira persoa”. Así xurdiu o proxecto de crear o seu primeiro disco en solitario, para o que iniciou unha campaña de crowdfunding na que ata o vindeiro domingo día 11 aínda será posible facer as achegas económicas.
Tras pasar por diferentes agrupacións, decides sacar o teu primeiro disco en solitario. ¿Que foi o que te animou a dar este paso?
Pois realmente sentín que era o momento de facelo, xa que tiña unhas cantas cancións en galego e pareceume que eran un pouco máis íntimas ou persoais que as anteriores gravadas con El Viejo Caracol e Blah! Comenteille o asunto ao resto de compañeiros do grupo e pareceulles ben, así que, animado tras ver os resultados doutros proxectos de crowdfunding como o de Manolo Bacalhau ou Rubén Artabe, decidinme a facelo.
¿Que tal resultou a experiencia?
A experiencia de facer esta campaña de crowdfunding está sendo moi boa. Vexo, con certa perplexidade, que a xente está respondendo ben... Tamén ten o seu traballo detrás xa que (e isto é o que máis me fastidia) hai que dar moito a brasa aos colegas e coñecidos en persoa
e a través das redes sociais que xogan un papel moi importante á hora de atopar mecenas
¿Que ofrecerás neste proxecto?
Estará composto por dez ou doce temas ( a maioría en galego) de temática variada e con diferentes estilos musicais. Pretendo facer as cousas como me saen no momento de compoñer as cancións así que haberá cousas moi distintas en canto a letras e música. O que sí irán seguro un par de temas moi especiais para min. Un dedicado á miña filla Loaira e outro dedicado ao meu avó Bernardo recentemente falecido. O disco en si será unha pequena homenaxe á xente que quero e teño ao meu redor.
A campaña de crowdfunding que puxeches en marcha para este traballo xa supera o 93% do total a recaudar. ¿Contaba con estae resposta por parte da xente?
Pois non contaba, non... A verdade é que como dicía antes a resposta da xente está sendo moi boa e é unha marabilla ver que a xente confía en ti e fai a súa aportación sexa pequena ou maior a un proxecto do que só se pode escoitar un pequeno avance dunha gravación caseira que fixemos para o video da páxina do verkami (Soprando: tema adicado a Loaira)
¿Ata que día se poden facer as achegas económicas?
As aportacións pódense facer ata o día 11 ás 12 da mañá. Recordar tamén que aparte das recompensas máis baixas de cedeés e camisolas e entradas, hai unhas destinadas máis ben a asociacións, bares, salas que conlevan concertos tanto en acústico como con toda a banda.
¿Para cando está previsto que comece a gravación do disco?
Se chegamos a recadar o orzamento total e a cousa vai para adiante, esperamos entrar no estudio a partir de abril ou maio para poder ter listo o asunto despois do verán. l