A presenza de Paco Ibáñez (Valencia, 1934) na Semana da Poesía Salvaxe era unha aspiración para os organizadores, encabezados por Karlotti e Guillermo Ferrández, que agora vén de se materializar.
O artista, que adicou a súa carreira profesional a musicar a grandes autores da poesía clásica e contemporánea, será desta volta o protagonista da décima edición dunha cita que do 19 ao 22 de abril espallará unha vez máis a poesía por todos os recunchos da cidade naval. Ibáñez ofrecerá un concerto o día 20, ás 21.00 horas no teatro Jofre, na que será a súa segunda actuación en Ferrol, á que volta logo de moitos anos sen visitala. As entradas para o concerto están xa á venda na web e na billetería do teatro, a un prezo de entre 18 e 25 euros.
Karlotti e Ferrández presentaron onte a Semana da Poesía Salvaxe acompañados polo concelleiro de Cultura de Ferrol, Suso Basterrechea, que salientou o esforzo, a ilusión e o compromiso con un evento xa consolidado como un referente cultural senlleiro da poesía estatal.
“É unha celebración de resistencia e alegría. Palabras e poemas para iluminar tempos escuros que nos dan folgos e esperanzas”, destacou Karlotti. Numerosos autores secundarán este ano a iniciativa.