Pesar en Ferrolterra polo falecemento do activista Miguel Anjo González

Faleceu o xoves aos 54 anos de idade
Pesar en Ferrolterra polo falecemento do activista Miguel Anjo González
González, nun acto sobre melloras no transporte I BNG

O activista ferrolán Miguel Anjo González García faleceu este xoves aos 54 anos de idade. González, que foi durante varias etapas colaborador de Diario de Ferrol, era militante do Bloque Nacionalista Galego e membro da directiva da Asociación de Veciños de Ultramar, barrio no que residía. Tiña, ademais, tres programas en Radio FilispiM, "Conselheiro Molotov", "Barriga Verde" e "Residuo cero". A emisora destacou onte mesmo que foi un "compañeiro solidario, traballador, comprometido e esixente na coherencia". Tamén fora anteriormente secretario comarcal da asociación ecoloxista Adega

 

"Era unha persoa moi comprometida, moi solidaria", explicaba onte un compañeiro de militancia, consternado polo pasamento repentino. O responsable local do BNG en Ferrol, Roberto Montero, asegurou que "de Miguel Anjo poden dicirse moitas cousas, e todas boas" e lamentou a perda dunha persoa "tan nova e con moitos proxectos na cabeza". Montero cualificou a González García como un "militante exemplar, pero non só dentro do BNG, senón do conxunto do nacionalismo, tanto no ecoloxismo como no sindicalismo. Sempre estaba disposto a traballar pola soberanía e a xustiza social a cambio de nada". Montero segurou ademais que a dimensión pública de Miguel Anjo González excedía tamén estes eidos e, así, recalcou que "foi un defensor a ultranza da nosa riqueza natural e amosou sempre o forte compromiso social e cultural (en asociacións como Medulio, por exemplo) e tamén veciñal, sempre preocupado por ter un barrio mellor e unha cidade con máis calidade de vida, como demostrou en todo momento, tamén en Radio FilispiM". 

 

Montero non quixo desligar a faceta máis pública da persoal e lembra a Miguel Anjo González como "un amigo dos seus amigos, sempre preocupado polas súas amizades e polos problemas dos demais. Dende a súa familia do BNG", engadiu, "só nos quedan pórnos a disposición da súa familia biolóxica para o que precise". 

 

Sumouse tamén ás condolencias a presidenta da AVV Ultramar, Natalia Ares, que recoñeceu tamén estar en "shock". "Era unha persoa inconformista que sempre se rebelaba contra as inxustizas e atenta en todo momento aos problemas do barrio e disposta tamén a traballar por solucionalos", apuntou Ares, que adiantou que a entidade veciñal vai depositar unhas flores "no banco da praza de Ultramar onde adoitaba sentar despois dos paseos que daba para detectar cousas que se podían mellorar. Sempre estaba aí para botar unha man. Ímolo botar moitísimo de menos", asegurou. 

 

Ademais da organización política na que militaba, moitas outras entidades manifestaron o seu pesar a través das redes sociais. Entre elas, Ferrol en Común, que se laiou pola perda dunha persoa "comprometida coa mellora da sociedade. Sempre participativo da vida social e cultural da nosa cidade e membro activo de diferentes entidades". FeC traslada ademais o seu apoio "á súa familia e amizades nestes duros momentos" e envía "unha grande aperta aos compañeiros e compañeiras do BNG". 

Pesar en Ferrolterra polo falecemento do activista Miguel Anjo González

Te puede interesar