Oito proxectos de alumnos de Ferrol, Valdoviño e Ortigueira, ao Galiciencia

Oito proxectos de alumnos de Ferrol, Valdoviño e Ortigueira, ao Galiciencia
O Galiciencia reúne cada ano a centos de alumnos

Ferrolterra estará moi ben representada na feira científica Galiciencia que entre o 16 e o 18 deste mes terá lugar no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense).
Dos 75 proxectos da comunidade galega, Asturias, Cataluña e Euskadi que foron seleccionados para esta undécima edición –50 de Secundaria e 25 de Primaria–, oito son traballos de alumnos de centros educativos de Ferrol (os IES Concepción Arenal e Ricardo Carballo Calero e o CPR Valle Inclán I), Valdoviño (CPI Atios); e IES de Ortigueira.
Todos eles contarán cun stand propio no que amosarán as súas innovadoras propostas. Mentres que os de Primaria se exhiben fóra de competición, os premios repartiranse entre os participantes de Secundaria. O equipo gañador recibirá un premio de 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2017.

visitas
Durante os tres días de feira, a organización prevé unhas 2.000 visitas de escolares, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. A exposición de proxectos permanecerá aberta de 10 a 13 horas y de 15 a 18 horas.
O evento conta a colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt). A cita incluirá, como todos os anos, actividades paralelas, centradas nesta ocasión no tema das matemáticas. Durante os tres días, os visitantes participarán en talleres nos que se explorará a relación das matemáticas coa enxeñería e coa natureza.

proxectos
O Galiciecia amosará un ano máis sorprendentes proxectos, moi centrados na resolución de problemas reais. O IES Concepción Arenal estará presente con dous proxectos, un baseado na creación dun sistema para evitar chocar no garaxe –dos alumnos Andrea García e Eirin Cortés– e outro sobre o desenvolvemento dunha máquina de música para persoas con discapacidade auditiva –ideado por Diego Pérez e Juan Vigo–. Ámbolos dous están coordinados pola profesora Carmen Río.
Coas súas respctivas propostas viaxarán tamén a vindeira semana a Ourense o IES Ricardo Carballo Calero, no seu caso cos equipos integrados por Roi Saiz e Daniel Jiménez e coordinado polo profesor Fernando Barbadillo–cun traballo co que tentan comprobar a perda de vitaminas no zume de laranxa ao estar exposto ao aire–; e Sofía Barbadillo e Alba Lozano –cun proxecto que recolle unha serie de modelos para a mellor comprensión de unidades de volume a partir de materiais sinxelos–, neste caso dirixido pola docente María Ángeles Ruiz-Matas-
“Que tesouros esconden os mosaicos árabes en España” e “Simetrías e xeometrías na natureza” son os títulos dos dous proxectos cos que os alumnos do CPR Valle Inclán Luisa López e André Romero e Marta del Río e Manuela López, respectivamente, tomarán parte na feira científica xunto aos seus profesores Eva Veiga e Óscar López.
O CPI de Atios de Valdoviño dará conta do seu invento consistente nun sistema de recollida e reciclaxe de goma de mascar co que tras o oportuno tratamento fabricaron obxectos, neste caso fichas para o xogo de tres en liña. Os estudantes Raúl Caneiro e Sabela Gesto e a profesora Reyes Montero encargaranse de difundilo no Galiciencia.
Finalmente, o equipo do IES Ortigueira formado polos mozos Naomi Bustabad e Manuel Balboa, xunto á profesora Patricia Hermida, foron seleccionados para o encontro científico ourensán cun proxecto no que botan da man da tecnoloxía LEGO para aplicala a unha auditoría enerxética.

Oito proxectos de alumnos de Ferrol, Valdoviño e Ortigueira, ao Galiciencia

Te puede interesar