Os días 21 e 22 de setembro diversas rúas e praza de Ferrol acollerán a iniciativa “EstéNarúa”, o festival galego de teatro amador que organiza a compañía Ti e Máis Eu Teatro coa subvención da Concellería de Cultura.
Desde a organización salientan sobre a natureza deste festival que “amosa á cidadanía o traballo dos diversos grupos de teatro afeccionado que traballan ó longo do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Por outra banda é un espazo para a convivencia entre os actores e actrices integrantes dos diversos grupos de teatro e de intercambio de coñecementos, opinións, e para levar a cabo iniciativas en conxunto sobre o teatro afeccionado en Galicia, sendo un referente para programadores e técnicos de cultura dos concellos da comunidade”.
programa
A actividade comeza o sábado 21 ás 10.00 horas coa recepción dos participantes e a presentación ás 10.30 horas do I Festival Galego de Teatro Amador “EstéNarúa” no Centro Torrente Ballester. A partir das 12.00 horas comeza o roteiro teatral e ás 12.30 a praza de Amboage acolle a repersentación do sketch “ O país da auga” a cargo de Metátese Teatro de Palas de Rei; no Mercado da Magdalena ás 13.00 horas Moreashow do Barco de Valdeorras representa “Espaguettis con chourizo”. Ás 13.20 horas no teatro Jofre A Fiestra Teatro da Coruña actúa co sketch “A terra jauja”. Na praza da Constitución, no Cantón, ás 13.35 horas poderase ver “Kabuki Dance” a cargo de Teatro Estepario de Vigo.
Tralo xantar para os participantes, ás 18.30 horas Folerpas Teatro de Laxe representa no hotel Carrís Almirante “A raíña da escuma”. Na praza de Camilo José Cela (fronte ao edificio da Xunta de Galicia) Cinco Donas e un Guedellas de Vilamartín poñen en escena “Amor divino, amor humano “ ás 18.50 horas. A compañía Oquetiqueiras representa “Traballo e imaxinación” ás 19.15 horas na praza de Armas, mentres que na praza Sánchez Aguilera (fronte ao Torrente Ballester) actúa Parápono Teatro de Lugo con “Mar revolto” ás 19.45 horas. Finalmente, a capela do Torrente acolle á compañía A Fiestra Teatro con “O anel máxico” ás 20.30 horas con entrada libre. Os participantes cearán no hotel Carrís Almirante onde se celebrará o I Concurso de Meig@s e Menciñeir@s Teatrais.
O domingo 22 levarase adiante no Torrente un foro aberto para grupos de teatro e público ás 11.00 horas. Finalmente realizarase unha visita guiada nun cruceiro pola ría de Ferrol para os participantes do festival.