Arredor dun millar de alumnos de 17 centros educativos da comarca tomarán o vindeiro xoves día 11 un dos talleres do estaleiro ferrolán de Navantia para protagonizar unha fermosa actividade.
Trátase dunha actuación, que ademais será gravada, na que os escolares formarán un enorme coro que acompañará á artista cedeiresa Guadi Galego na interpetación da canción “Chea de vida”.
O acto, organizado polo Centro de Formación e Recursos de Ferrol, forma parte do curso de formación docente titulado “O coro escolar, una actividade integradora para o alumnado” e enmárcase tamén dentro dos actos previstos para celebrar a festividade das Letras Galegas. Conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística así como de Navantia, coa cesión dunha das súas naves para desenvolver unha actuación que terá así como escenario un dos lugares máis emblemáticos da cidade naval como é o estaleiro.
Centros
Ramón Bermejo Díaz será o encargado de dirixir o coro. De forma simultánea, un grupo de alumnado de 3º de Primaria realizará tamén a interpretación da canción en lingua de signos.
O alumnado participante pertence aos seguintes centros: A Laxe, Pazos, Isaac Peral e Jesús Maestro (os catro de Ferrol), Nicolás del Río de Cedeira, Andrade de Pontedeume, San Isidro de Neda, Santiago Apóstolo (Mugardos), As Mirandas (Ares), CPI San Sadurniño, e os IES Canido, Mugardos, Ortigueira, Saturnino Montojo, Terra de Trasancos de Narón, Alfonso X o Sabio (Cambre) e Monelos (A Coruña).
O acto, tal e como se informa desde o CFR, ten entre os seus obxectivos “estimular o canto coral nos centros de ensino de primaria e secundaria, utilizando o repertorio de grupos e cantantes galegos actuais”, coa perspectiva de continuar en vindeiros cursos con este tipo de formación musical entre o profesorado.
A actividade do vindeiro xoves desenvolverase entre as 10.30 e as 12.30 horas nunha das naves da factoría ferrolá.
Está previsto que, tras un pequeno ensaio xeral entre o millar de alumnos que darán forma ao coro –e que xa estiveron a preparar o acto nos seus respectivos centros–, comece a actuación musical. Está previsto facer un total de tres gravacións.