Día Internacional da Clase Traballadora

Mais unha vez a clase traballadora mundial lembrará o seu día o vindeiro 1º de maio. A data foi instituída pola Segunda Internacional no ano 1889, reunida en París, como unha xornada reivindicativa e en lembranza das loitas e sacrificios do movemento obreiro e como homenaxe aos mártires de Chicago. Folgas e mobilización masivas que reclamaban en 1886 a xornada laboral de oito horas nos Estados Unidos, e que foron duramente reprimidas cun criterio exemplarizante. A nación galega non foi allea ao momento e sentir na clase obreira mundial e da decisión da Internacional. No ano 1890 celebrouse o 1º de maio, e no ano 1891 realizouse unha folga xeral na Coruña a prol da xornada de oito horas (para unha semana laboral de seis días); e en 1892 saia do prelo o periódico “El Obrero” en Ferrol.


O Día Internacional da Clase Traballadora deste ano está marcado pola actualización dos salarios, xa que a inflación come a capacidade adquisitiva dos ingresos (xa de por si baixos), así como pola loita contra o auxe de todas as formas de precariedade nas condicións laborais (contratos fixos descontinuos, a tempo parcial, horas extras en negro, etc.). Porén tamén pola esixencia de que remate a masacre en Palestina, e comence unha rápida reconstrución da Franxa de Gaza e se recoñeza ao Estado Palestino. E por suposto, que se chegue a un acordo de paz na guerra entre a Ucraína+OTAN e a Federación Rusa. Non son os únicos conflitos, porén resolvelos mediante a negociación restaría tensión na confrontación económica e militar entre as grandes potencias, e a aceptar un mundo multipolar en toda a súa diversidade. 


No caso concreto da bisbarra do Ferrol teñen un carácter central as reivindicacións para unha verdadeira transición xusta nas Pontes. Un reclamo que levaron a CIG a convocar folga xeral na vila o pasado 23 de novembro ante as nulas respostas e actuacións dos governos galego, español e do Concello das Pontes, para garantir a continuidade no emprego. 


Outro aspecto relevante son os incumprimentos laborais reiterados que padece o persoal das empresas auxiliares do naval e denunciar o total desinterese de Navantia para garantir que se respecten os dereitos dos traballadores e traballadora das contratas. E volver a reclamar máis unha vez a reparación dun acto de violencia como o sufrido por Pintos.Carece de toda xustificación a demora en resolver o indulto, mantendo unha situación de inxustiza como a que representa a sentenza lle foi imposta, no marco da represiva “Lei Mordaza”, que xa debería estar derogada. 

Día Internacional da Clase Traballadora

Te puede interesar