on data 15 de abril de 1917 fundábase no local da agrupación musical Airiños da miña terra a Irmandade da Fala de Ferrol: Xaime Quintanilla ocuparía o cargo de conselleiro primeiro; Xoán García Niebla, o de conselleiro segundo; Uxío Charlón, o de secretario; e Cabo Pastor, o de tesoureiro. Ao igual que tiña acontecido por outras localidades de Galiza desde que se constituíra a primeira das súas Irmandades na Coruña no 18 de maio de 1916, Ferrol sumarase a esta ilusionante iniciativa de índole sociopolítica, alén de cultural, que abranxería todo o territorio galego.
Dúas liñas, claramente diverxentes, comezan a ser patentes en pouco tempo, mais ambas proclamádose, sen dúbida ningunha, como nacionalistas.
En 1915, un escritor ferrolán residente en Madrid, Aurelio Ribalta, fixera un chamado en defensa da lingua. A revista Estudios Gallegos servira de catalizador para o nacemento da Liga de Amigos do Idioma Galego. Os irmáns Vilar Ponte, reunidos na sede da Real Academia Galega xunto con outros membros, constituían as Irmandades pioneiras. Pero de todas as localidades en que estas foron nacendo, será na de Lugo (1918) onde se definan as bases políticas polas que se rexerán: a autonomía integral de Galiza e federación ibérica de pobos, a oficialización e dignificación da súa lingua e cultura, e a programación dunha política económica diferenciada que permitise resolver os problemas sociais do país. Porén, será na asemblea de Monforte (1922) que se aprobará o abandono da vía política para finalmente abrazar a culturalista.
Cábenos o orgullo de afirmarmos a idea de que Ferrol gozou dun papel ben significativo na incipiente eclosión do nacionalismo en Galiza. Aurelio Ribalta, como fica dito, foi o seu verdadeiro mentor, asentando os alicerces do que haberían de ser as Irmandades da Fala fundacionais.
Pero o papel representado por un ferrolán de adopción, Ramón Vilar Ponte, ao se facer cargo da dirección de El Correo Gallego será fundamental. O seu paso polo xornal deu pé para a imprenta deste diario dar a lume un xeitoso numero de noveliñas en galego. Estamos a falar da editora Céltiga, apadriñada por Xaime Quintanilla, fundador e director, e Ramón Vilar Ponte como xerente.
Neste pasado 15 de abril, centenario pois do nacemento das Irmandades da Fala de Ferrol, cóubonos o pracer de poder celebrar tal efeméride realizando un roteiro por unha serie de lugares emblemáticos asociados ás Irmandades ferrolás.
Saíndo desde o punto de encontro en Amboaxe puidemos asistir á amena explicación dada por Marcos Abalde, co seu itinerario por sete paraxes diferentes do centro da cidade ligados ás Irmandades da Fala. De inicio, falóusenos de como no 11 de febreiro de 1917 unha comitiva de homes fora recibir os irmáns coruñeses até a estación do camiño de ferro para despois asistiren ao mitin que Antón Vilar Ponte había de pronunciar no Salón Amboaxe, un desparecido cinema situado no actual colexio Tirso de Molina.
As dúas seguintes paraxes efectuaríanse nas casas número 64 e número 62 da rúa Dolores, vivenda de Xaime Quintanilla, a primeira, e local do coro Toxos e Froles, a segunda.
Quintanilla, alma mater das Irmandades en Ferrol, fora dinamizador incansábel (o seu lema: “Traballar, traballar, traballar”); chega a presidir o coro Toxos e Froles e a fundar Céltiga, co propósito de sacar adiante unha interesante colección de novelas curtas en lingua galega.
Mentres a función do coro se centraba en dignificar a música popular do país, a recuperación dos traxes tradicionais e a promoción dos símbolos nacionais, houbo dentro do seu seo o interese por dinamizar o teatro, propiciando que varios autores se convertesen en verdadeiros impulsores dunha dramaturxia nacional, didáctica e popular sobre todo.
Referímonos a Charlón e Hermida fundamentalmente, que se fan popularísimos cos seus “parrafeos” vindicativos.
A terceira das paraxes, o antigo local do diario ferrolán El Correo Gallego, serviu para referir a actitude belixerante do seu director contra a lingua galega e contra aqueles que se erixían nos seus defensores.
Paradoxalmente, en 1921 Ramón Vilar Ponte sería designado director do xornal e Quintanilla accedera ao posto de redactor. Porén, e dada a orientación galeguista que estaba a tomar o diario, os seus propietarios cesáronos a ambos en seis meses. No entanto, na imprenta do xornal, situada por embaixo das oficinas principais, na rúa Magdalena, foron onde se deron a lume o 70% das noveliñas en galego (1922). Tratábase de Céltiga, que publicará autores locais como Cabo Pastor ou García Pereira, e onde o mesmo Castelao se deu a coñecer editando Un ollo de vidro. As capas dos libros contaron con ilustracións dos máis afamados pintores: Imeldo Corral, Camilo Díaz Baliño ou Bello Piñeiro.
Na seguinte paraxe, no Casino Ferrolán, puidemos admirar o incríbel traballo realizado por Bello Piñeiro. Na considerada como Capela Sixtina Galega marabillámonos coa súa monumental obra sobre a paisaxe galega: cento cinco metros cadrados inundados da flora galega máis emblemática, e de elementos simbólicos que dialogan co presente e co pasado: desde santo André ao Pondal dos Queixumes dos pinos.
A última das paraxes sería a do teatro Jofre, epicentro das escenificacións máis importantes: a celebérrima Mal de moitos, de Charlón e Hermida, parola vindicativa da lingua galega e contra os abusos aos labregos, peza máis representada neste período; ou a Donosiña de Quintanilla, polémica e escandalizadora ao tratar o tema do adulterio feminino. En suma, un roteiro pola nosa historia, a do Ferrol nacionalista, con ínfulas universalistas. A vida política, mais tamén a informativa (xornalismo), a musical, a plástica (pintura), a literaria (novela), así como a teatral tiveron cabida neste ameno e interesante paseo por este Ferrol tan descoñecido. Así pois, non o deixen de experimentar, se puideren, xa que dous únicos sábados, o 22 e o 29 deste mes, son os que restan.