Sobre arqueoloxía no Barbanza e outros

o sábado pasado, de excursión pola parroquia de Sillobre, tiven ocasión de descubrir que o meu nome aparecía rexistrado nun panel vertical ao pé da estrada que sobe para San Marcos. Nel recóllese, nunha mínima explicación, o significado do nome Sillobre, alén dun pequeno texto poético alusivo ás súas lavandeiras. Sorprendeume acharme aludido neste letreiro, polo que aproveito máis unha vez para lle agradecer ao Concello de Fene este xesto para comigo. Dígase de paso que isto non acontece por simple azar, senón ao feito de que, por un espazo de nove meses, estiven a desenvolver o cargo de Técnico Especialista en Lingua Galega na Comisión de Educación Cultura e Deportes deste concello, onde tamén puiden elaborar (era parte do proxecto), o estudo “Fene e a súa toponimia. Achegas para unha comprensión”, aínda sen publicar, desde 1990 en que foi terminado. 
O feito de ter traballado sobre toponimia foi para min a parte máis gratificante de todo o labor desenvolvido en Fene, a pesar de ter contado con algunha que outra contrariedade tamén, como logo referirei. Enfrontarse ao reto de estudar os nomes de lugar de todo un concello supón, de partida xa, un traballo ímprobo e monumental, que talvez tivese requirido de moito máis tempo. Porén, declárome satisfeito pese a non se ter publicado aínda, contravindo dese xeito as bases contractuais da bolsa con que exercín o citado cargo. Debo recoñecer, con todo, o moito que teño aprendido desta investigación, despois de me valer para o caso do saber de expertos insignes acerca do tema (Cabeza Quiles, Dieter Kremer, Joseph Piel, Moralejo Lasso, Porto Dapena, E. Quintas, Luz Méndez Fernández e outros) e da axuda inestimábel, claro está, da historia en xeral e, máis en particular, da arqueoloxía. 
A redescuberta de Sillobre no sábado pasado, enclavado no monte de Marraxón, conduciume a ese momento de estudo e investigación en que hai agora vinte e sete anos estaba eu metido. O castro de Orra, as mámoas localizadas no amentado monte (aínda que sen escavar) no punto máis alto, chamado Coto do Rei, ou o petróglifo achado neste mesmo lugar (fálase da existencia de máis), déronnos para reflexionar a propósito desoutro traballo, tan importante, que están a levar a cabo os nosos arqueólogos actuais por todo o país. As satisfaccións que ultimamente nos están a proporcionar, con achados insólitos como os da Cova de Eirós ou os que se suceden nas escavacións do Barbanza, están conseguindo dignificar un labor hoxe impagábel, caso queiramos asentar unhas bases sólidas historiográficas a respecto deses tempos máis recuados. Da outra arqueoloxía feita no pasado, nacida con tanto entusiasmo dos nosos homes da xeración Nós, por exemplo, con Florentino Cuevillas á cabeza, pasando polos homes do Seminario de Estudos Galegos, que fora fundado en 1923, o cal quixo desde a universidade asentar as bases da investigación arqueolóxica, chégase hoxe a estoutro momento doce (polo menos canto ao número e calidade dos achados) no que aos estudos arqueolóxicos e escavacións se refire. 
Van alá moitos anos que lle estamos a seguir a pista ao noso arqueólogo de cabeceira, o amigo J. L. Montero Fenollós. O Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio (2005-2011), de que el foi director, e que a UDC levaba realizando na garganta de Halabiya ou Khanuqa, está hoxe próximo de Raqqa, o odiado bastión do Daesh. Actualmente, por culpa da guerra, todo se paralizou, alén dos estragos irreparábeis producidos ao longo destes anos, de modo que nada haberá de ser igual que antes. Fascíname o traballo tan enorme desenvolvido en Siria a pesar da ben exigua axuda con que sempre contou, e do que agora vai emprender na rexión de Nablús en Palestina. Acabado de regresar precisamente de aquí, fíxose ineludíbel conversar sobre o novo proxecto, ademais de me picar a curiosidade por saber acerca do “mito” dos fenicios en Galiza. A propósito disto, Cuevillas escavara no castro de Neixón do Barbanza, onde achara un aríbalo púnico. Aguiño seica ten un peirao fenicio e fálase tamén da posibilidade do de Bares. A desconfianza de Montero Fenollós ao respecto é ben patente, mais nada descarta dos contactos que puidesen existir entre estes rústicos poboadores do noroeste ibérico cos fenicios. 
Na familia, hei de dicir, naceume un protoarqueólogo, o meu fillo Alexandre. Hai uns días, regresou do Barbanza, concretamente das escavacións do Chan do Cerqueiro, de onde veu cunha mochila cargada de apaixonantes experiencias. Neófito por descontado, a sorte do principiante sóubolle sorrir logo de ter encontrado unha punta de frecha, un resto de vasilla pintada e até a doa dun colar de variscita, alén doutros restos. Afírmase que este xacemento prehistórico, pertencente ao período calcolítico, é o que máis achados de industria lítica e cerámica está a dar de toda Galiza. As hipóteses falan de que todo o material encontrado haberá de datar de entre o 2700 ao 2300 a.C. 
Valorizar suficientemente canto posuímos do noso pasado é a base fundamental para nos concienzar como o pobo singular que somos. Así, da nosa particularidade e riqueza tiraremos a idea de que existimos e estamos no mundo, de que facemos parte dun todo nesa bonita engranaxe que podemos partillar, con Mesopotamia, coa India ou coas civilizacións precolombinas, de aí o orgullo que gardo polo labor arqueolóxico, quer polo do amigo Fenollós, quer agora polo do meu fillo. Por conseguinte, eis a importancia da preservación e investigación de que partiamos ao inicio do artigo, xa que o estudo dos topónimos é tamén o estudo da nosa historia. A arqueoloxía é unha ferramenta básica que axuda a levantar hipóteses sobre a procedencia dos topónimos. Os diferentes pobos foron denominando os lugares, dando así carta de natureza toponímica na súas linguas aos sitios. Pouca relevancia ha de ter agora a ausencia de empatía dalgún que outro veciño de Fene por certos nomes novos de rúas que no seu día debín bautizar, razón da controversia a que alá atrás me refería. E é que, á fin e ao cabo, o traballo científico que tenta achegar respostas é humanamente máis importante que aquel que se basea na indolencia, tan perigosamente afín á ignorancia.
 

Sobre arqueoloxía no Barbanza e outros

Te puede interesar