Mudan os tempos e as vontades

Parafraseando, aprópiome no título do primeiro dos versos dun dos máis coñecidos sonetos de Luís de Camões. E vénme á mente de inmediato a extraordinaria versión que o cantautor portuense, J.  Mário Branco, fixera del no seu día. Extraordinaria, digo, para un monumento da literatura universal que fala do tópico da mudanza co pasar do tempo, noutras palabras, que fala da fugacidade do tempo. O tempo que por razóns biolóxicas e máis prosaicas se cadra, é capaz de xogar na nosa contra, no sentido que aquí e agora, neste artigo, lle queremos dar. Mais voltando ás liñas temáticas do poema, todo canto ben houbo nun tempo pasado produce saudade, mesmo choro porque nada ha de regresar ao que era. E é que a cuestión do noso artigo non é outra que a da nosa lingua propia, a da dimensión que pretendemos para ela, o papel que pode xogar na sociedade, no mundo, nas nosas vidas. 
Despois de anos a falar da inexistencia de linguas boas e linguas más, linguas capaces e incapaces, linguas cultas e incultas, etcétera, coa tentativa de romper esa falsa dicotomía que só responde a cuestións sociais, vimos a concluír que xa é hora de mudarmos de rumbo. A función utilitaria do noso idioma pasa por valorizarmos o que xa nos vén dado de noso e nos serve como chave de entrada nesa comunidade de millóns de falantes a que chamamos lusofonía. A implantación do portugués no currículo escolar (debémonos convencer!) só nos pode traer vantaxes. Dentro do contexto español, os galegos somos os mellor capacitados para servir de ponte coa lusofonía, xa que lingüística e gramaticalmente temos interiorizado o mesmo idioma. O galego recoñécese dentro do portugués e, viceversa, o portugués dentro do galego.  
Na mesma cerna da galeguidade histórica reside a idea de afianzar lazos co noso pasado e, polo tanto, co portugués, esa lingua parida por unha mesma mai e de que nos afastamos por condicionantes alleos. Desde os razoamentos intuitivos dun Xoán Manuel Pintos –o coñecemento incipiente da ligazón entre galego e portugués comezará a finais do séc.XIX coa descuberta dos códices medievais–, pasando por X. Vicente Viqueira e E. Correa Calderón, até un Ernesto Guerra da Cal, un Ricardo Carvalho Calero ou un Martinho Montero Santalha, estivo sempre aí a cuestión do achegamento entre ambas as matrices. É irrefutábel que a cuestión biolóxica antes aludida (o relevo xeracional da lingua é cada vez menor, dado o abandono do galego nas camadas máis novas), así como o proceso brutal da súa castelanización, a desaparición acusada de trazos propios (seseo e fonética vocálica, dialectalismos máis próximos do portugués en beneficio doutros máis afíns ao estándar autóctono, entoación, etc.), ademais doutras cuestións de índole sociolóxica xogan á desafección pola lingua galega. 
É tempo de aproveitármonos das ragañas legais permitidas polo sistema. As mudanzas na Lei de Normalización Lingüística, coa introdución dun terceiro idioma (inglés) vehicular no ensino, veu romper calquera ansia de paridade entre galego e español, alén da prohibición de impartir en galego determinadas materias. Pola contra, a aprobación da iniciativa lexislativa popular Valentín Paz-Andrade (2014), é unha importante baza a xogar, mesmo en termos económicos, ao contar a lusofonía con máis de 250 millóns de almas. Xa Castelao o expresaba claramente: “o galego é un idioma extenso e útil, porque –con pequenas variantes– fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas”, “quero que a miña lingua se achegue e confunda co portugués, de modo que tivésemos así dous idiomas extensos e útiles [o galego e o castelán]”, “a nosa lingua florece en Portugal”, etc. A introdución no currículo educativo do estudo do portugués como segunda lingua (6ª lingua máis falada no mundo fronte ao francés, 15ª nos cálculos máis optimistas) favorecería poder chegar a un nivel B2 no Porfolio que rexe o Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos. 
Valentín Paz-Andrade en “O porvir da lingua galega”, fundador de Pescanova e comisionado da FAO en misións pesqueiras para Hispanoamérica, xa teimaba no achegamento á lusofonía a través do galego como fonte de relacións e intercambio económico. 
Á integración de Galiza como membro de pleno dereito na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (proposta no seu día nada menos que por Fraga Iribarne e Pérez Touriño) súmase hoxe, como observador consultivo, o Consello da Cultura Galega. 
A Guinea Ecuatorial (pásmense!, entrou hai dous anos na CPLP), asistiu á súa 21ª Cimeira, coa conseguinte protesta de entidades e persoas de creto. Unha, debido a que Obiang é un ditador que envergoña todo o continente, ao comprometer o afán de democracia, liberdade e igualdade.
 Outra, ao feito de non se falar portugués neste país, só un crioulo de base portuguesa en Annobón. E por último, a que Obiang unicamente persegue con isto intereses económicos. O dito: fágase por mudar as vontades de vez, pois como galegos, moito é o que temos por gañar.

Mudan os tempos e as vontades

Te puede interesar