E OBIANG FALOU DE FÚTBOL CON RAJOY

Disque foron quince minutos de charla. Intensa e frutífera charla, pois até falaron de fútbol, do do Mundial, e a preocupación de Obiang polo mal papel desempeñado pola selección española. Tema cimeiro e neurálxico, sen ningunha dúbida, entre as relacións bilaterais hispano-ecuatoguineanas. Os dereitos humanos que, como se sabe, son escrupulosamente respectados na ex-colonia española, nin se nomearon, pese á petición expresa feita ao presidente español por AI co propósito da visita. E dos máis que interesados proxectos empresariais tocante á produción de petróleo da Guinea Ecuatorial, terceiro produtor africano no momento actual, nada de nada. Un tema absolutamente banal, non sendo a información dada polo ABC en que se cita a Zapatero que, xunto a Bono e Moratinos, viaxan á antiga colonia española convidados polo ditador ecuatoguineano por negocios. Así é a nosa diplomacia. Evitando Rajoy calquera fotografía co ditador Obiang —non vaiamos tirar unha idea equivocada—, cando este acudiu aos funerais de Adolfo Suárez, nin tampouco un día despois no encontro en Bruxelas entre a UE e a Unión Africana, ao que ambos os mandatarios tamén asistiron.
Ai!, tempos aqueles en que da Guinea Ecuatorial nos viña aquela madeira exótica, óptima para a fabricación de portas de contrachapado. Ferrol fervía de traballo naqueles gloriosos tempos en que a Peninsular Maderera se asentara na Malata, ocupando os terreos de recheo do que actualmente é o estadio municipal e os campos de fútbol sete, lugar onde se achaban os cercados que parcelaban a cortina de auga cos inmensos troncos de madeira tropical flotando, e que previamente eran traídos desde o porto comercial en balsas. A Peninsular Maderera fora creada polo  médico ourensán Francisco Bergaz, propietario do hospital Ruber, e fundador da empresa da que logo xurdirá Finsa. Gozaba este da concesión dunha explotación forestal na antiga Guinea Española. Alén diso, o almirante Carrero Blanco, presidente do Goberno daquela, era accionista do Banco General de Comercio e Industria, que á súa vez financiaba a Peninsular Maderera, e era tamén titular doutra entidade máis con intereses na colonia.
De ningunha maneira podiamos ter pasado por alto esta recente información sobre Obiang e o goberno español, unha vez ficamos en débeda con este proceso histórico desde que no ano 2008 demos a lume a novela “O prezo da tentación”, e coa que dalgún xeito desexabamos render tributo a esa Guinea Ecuatorial, certamente descoñecida, sobre todo para as xeracións máis novas. Mauro, o protagonista da narración, ten un tío avó, Armando, que moitos anos atrás fuxira para a ex-colonia, mais regresa dela unha vez os ventos de independencia viraran o rumbo do que até aquel momento fora. As conversas entre ambos van enfiando o relato dos acontecementos. Mais deixando de lado a cuestión relativa ao desenvolvemento narrativo e particular da novela, certo é que camiña paralelo ás vicisitudes históricas acontecidas nos últimos anos de colonialismo. Manuel Fraga Iribarne, daquela Ministro de Información e Turismo, acode no 12 de outubro de 1968 ao acto de entrega oficial da gobernación ao novo mandatario, Francisco Macías. Así pois, o gañador das eleccións celebradas, accede á xefatura do novo estado, aínda que non gozará do visto e prace da vella metrópole.
Os intereses económicos do empresariado español veranse pouco a pouco minguados desde a independencia. O candidato favorito da vella metrópole, Bonifacio Ondó, próximo ás relacións con España e aos seus intereses económicos, perdera a presidencia. As tentativas de golpe de estado contra Macías, alentadas desde Madrid, fracasarían posteriormente. O Banco General de Comercio e Industria sería expulsado do país. As concesións madeireiras fóronlle retiradas ao grupo apoiado por Carrero Blanco e outorgadas ao madeirista francés Jean Pierre Noveau. As desavinzas coa metrópole irán a máis, e Macías embárcase nun proxecto ditatorial que o leva a enormes tensións, tamén con etnias distintas á súa, cos traballadores estranxeiros, etc. Diagnostícanlle un desequilibrio psíquico e será internado nun manicomio. Teodoro Obiang dá entón un golpe de estado, asasina ao seu tío Macías, e faise co poder, converténdose desta guisa no novo ditador.
Hoxe por hoxe, a Guinea Ecuatorial é un dos países máis corruptos do mundo. A familia  Obiang, unha das máis acaudaladas do planeta, manexa á perfección a totalidade dos seus recursos económicos, petróleo e madeira sobre todo. Principalmente estadounidenses e chineses gozan do privilexio de explotación dos xacementos. O clan Obiang nada así na opulencia, mentres a poboación da Guinea Ecuatorial vive practicamente na miseria so un réxime de terror que aplica torturas, violacións, asasinatos e detencións de forma arbitraria. Velaquí o país que visitou o xefe do goberno español, o dos inmundos quince minutos acerca do prioritario asunto da eliminación da selección española da Copa do Mundo do Brasil.

E OBIANG FALOU DE FÚTBOL CON RAJOY

Te puede interesar