Escoitabamos o outro día na radio como se contaba a intervención cirúrxica, certamente complexa e difícil, da extirpación dun tumor cerebral. Nada anormal por outro lado, sexa porque existen seccións específicas nalgúns programas sobre medicina en xeral, sexa porque a noticia era traída a colación xunto con outras curiosas ou semellantes. O caso é que nin sequera me podo lembrar nin de que programa era, nin tampouco da cadea en que se dixo. Pero do que si me lembro, e aí é onde quería ir eu parar, é no nome da doutora que levou a cabo a tal intervención –con éxito, vaia isto por diante–, pois apelidábase Riesgo. Tratábase, xa que logo, da Doutora Riesgo, a cuxo nome tamén se referiron os locutores con non pouco asombro.
A imposición do apelido é un hábito que se comeza a implantar a partir do medievo. Podemos achar vestixios disto no séc. IX, pero só será a partir dos sécs. XIII-XIV cando na verdade se inicie o proceso sistematizado do seu uso para identificación das persoas. No noso ámbito hispánico, p.e., habilitábase a colocación do nome do pai (só algunhas veces o da mai) aposto ao nome de pía, ou ben co sufixo xermánico -ici, rapidamente transformado en -es (ou en -ez despois). Tanto nun caso –Nuno [de] García, Inés d’Afonso– como no outro –Nuno Fernandes, Ilduara Soares–, remítenos á idea de ‘fillo/-a de’. Esta práctica, primeiro de uso corrente entre os membros da Igrexa e da nobreza para se distinguiren dos demais, foise estendendo despois a toda a sociedade. Os documentos notariais e parroquiais así nolo testemuñan.
Non podemos obviar que a transmisión de herdanzas, sexan de bens, sexan de dereitos e obrigas –a propiedade da terra era indisolúbel da dos seus aforados– se acabará por universalizar. Os oficios, así mesmo, transmitíanse de pais a fillos, de aí a adquisición do apelido con el: Ferreiro, Meleiro, Porteiro, Oleiro, etc. E o mesmo acontecería cos títulos da baixa nobreza: Escudeiro, Cabaleiro, Infante, Fidalgo, etc. Outros apelidos fan alusión a dignidades (Casado, Bispo, Señor, Freire, etc.), outros fano a unha orixe xeográfica (Souto, Carballo, do Barro, da Cal, etc.) ou, noutras ocasións, a alcumes ou sobrenomes (Tato, Gago, Carneiro, Mao, Leal, etc.).
En resumidas contas, tratábase, loxicamente, da necesidade perentoria de tentar distinguir e identificar con clareza a cadaquén para así se evitaren posíbeis confusións e dualidades. Pois moi a pesar de que os nomes de pía, quer para homes, quer para mulleres, puidesen ser do máis variados, non daban impedido a posibilidade de equívocos.
Tiremos un par de exemplos ilustrativos. No ano 912, no Tombo de Sobrado, achamos escrito “alio Froila”, quérese dicir, “outro Froila”, e en 1007, no Tombo de Celanova, sucede o propio con “alio Vimara”, isto é, “outro Vímara”. Ambos os casos dan fe da necesidade de tentar eludir dualidades unha vez eran asentados os nomes das persoas nos libros documentais destes mosteiros.
Sen dúbida ningunha, do mesmo modo que o nome de pía con que nos chamamos nos singulariza, o apelido non o fai en menor medida, e sexan os máis comúns que aluden á idea de ‘fillo/-a de’ a través de distintos morfemas gramaticais nas diferentes linguas e culturas (os -ez/-es hispánicos, os -son/-dóttir/-sen xermánicos, os -ov/(a) -ev(a), -sky ou -ović/-ević eslavos, os Mc/Mac ou O’ célticos, etc.), e que denominamos patronímicos ou matronímicos, ou os que fagan referencia a outros elementos (topónimos, profesións, oficios ou dignidades ou aqueloutros procedentes de alcumes ou sobrenomes), o certo é que nos identifican e gozan dunha identidade propia que vai asociada á persoa que lle pertence. Do punto de vista antropolóxico, social e até histórico, o estudo dos apelidos son unha ferramenta valiosísima que axuda a comprender o arraigo ao territorio ou ben todo o contrario, a mobilidade que houbo nel. O máis normal é que os apelidos remitan lingüisticamente ao idioma propio dese lugar, tal como sucede no noso país. Noutros, e por cuestións moi excepcionais de mobilidade poboacional (por guerras, invasións, deportacións, etc.), puido chegar a haber alteracións por causas alleas.
Mais non queriamos agora aprofundar nese apaixonante tema da onomástica. De feito, o motivo do noso artigo de hoxe vén motivado polo escoitado na radio, xa que non nos puido pasar inadvertido o caso da Dra. Riesgo por un curioso paradoxo. Lembreime de que eu fora tomando nota había anos de algo semellante. Non me pregunten en que ano nin en se hoxe exercen de tal. Pero o hoxe ex-conselleiro de Economía, este si podemos confirmalo, leva o apelido de Orza. O presidente da Federación Ecoloxista Galega ten o apelido Baleato; sería simpático que tivese ao seu cargo a sección de cetáceos. E, por finalizar xa, tamén tiña anotado Risco, non menos paradoxal que o da doutora amentada, piloto este do ‘Pesca I’, helicóptero de rescate da Xunta. Porén, mellor será que o hábito nunca faga ao monxe, polo menos nalgúns dos casos.