Por terras de don Vito Corleone e Salvo Montalbano

Arrepiados aínda despois dos brutais atentados islamistas cometidos en Cataluña, até pode resultar obsceno que un se puidese ter divertido e aprendido tanto despois dunha estupenda viaxe realizada por terras sicilianas. No Estreito de Sicilia, alén diso, están diariamente a chegar embarcacións con seres humanos desesperados que tentan alcanzar unha suposta terra de promisión, de modo que a súa arribada na praia de Cava d’Aliga onde nos aloxamos tampouco resultaba moi desatinada. Non obstante, a vida ten que seguir o seu curso. Podemos opinar, protestar, tentar maneiras de solucionar ou entender o que está a acontecer ao noso redor, mais a vida debe continuar. Porque a parálise, a inacción, o pavor mesmo han de ser os peores remedios con que nos poidamos enfrontar. 
Sicilia, dígase de paso, é terra torturada, torturada e fascinante a un tempo. Torturada xeoloxicamente: o Etna ten modelado a orografía da illa de maneira elocuente, sobre todo de arredor de Catania. 
Tamén os terremotos teñen colaborado o seu, de feito o catastrófico tremor acontecido en 1693, afectou enormemente todo o sueste siciliano, de aí a reconstrución das cidades, comprendidas no Val de Noto, hoxe un fermosísimo exemplo de paisaxe urbanística inspirada polo barroco. Ora tampouco nos debamos subtraer a outro tipo de tortura, neste caso social, exercida pola mafia, tan cinematograficamente reflectida pola figura de don Vito Corleone, hoxe en horas baixas tras o pulo dado por Salvo Montalbano, obra de Andrea Camilleri e recreado exitosamente en televisión. Montalbano, a dicir de moitos sicilianos, ten contribuído de xeito positivo a dar outra visión máis amábel de Sicilia: até existe unha rota de lugares do famoso comisario.  
Palermo, capital de Sicilia, é o dobre de grande que o noso Vigo; unha cidade realmente dura para o viaxeiro que está só de paso e non entra con bon pé ben nela. O lixo, almacenado a moreas por esquinas e contedores sine die, é xa un tópico feito realidade. Moitas das casas habitadas, en pleno centro, ameazan con derruíren, ou son xa edificios ruinosos mesmo. 
O tránsito rodado, con millares de automóbiles e motocicletas conviven nunha infernal desorde organizada en que o código da circulación e a sinalética son simples elementos decorativos da paisaxe urbana. 
E se a todo isto aínda lle engadimos a sufocante calor do tórrido estío siciliano, poden vostedes imaxinar a dureza con que nos podemos encontrar. Mais Palermo, pese a todo, é tamén unha cidade bonita, tremendamente regular, pois abunda o plano reticular, de forma que non é fácil perderse. 
Artisticamente falando, o Palermo árabe-normando é a primeira das xoias da urbe. A catedral, de fascinante factura no seu exterior, desilusiona por dentro. Mais ao popularmente coñecido como Palacio dos Normandos, case que lle acontece todo o contrario: un edificio non demasiado vistoso no exterior, robusto, pero cuns espectaculares interiores, onde destaca, principalmente, a Cappella Palatina, callada de mosaicos bizantinos que cobren arcadas, paredes e teitos e presidida polo seu vixiante pantocrátor de ollada cativadora; e con exemplos semellantes noutras catedrais normandas doutras localidades, como a da asombrosa Monreale e a máis modesta Cefalú. 
A pequena igrexa de San Cataldo (séc.XII) ten tres cúpulas vermellas bulbosas de estilo árabe, cun interior adusto, sen ornamentos, pero atractivo na súa sinxeleza. Con cinco cúpulas vermellas, recíbenos a igrexa de San Xoán dos Eremitas, cuxo espléndido claustro de arcos apuntados e recolecto xardín parece agardar o visitante para a meditación. 
Eis o Palermo árabe-normando, co castelo da Siza ademais, onde as igrexas barrocas nos asaltan a cada pouco para nos pasmar coa súa beleza de estucos brancos, avermellados e azul-verdosos, como sucede na Martorana. A trama vial, coa famosísima e barroca praza de Quattro Canti, a Via Vittorio Emanuele e as comerciais Via Roma, Ruggero Settimo e Maqueda non deixan de sorprendernos, xunto aos maxestosos teatros Massimo e Politeama. 
O mercado da Vucciria, porén, xa ten pasado por momentos mellores; mais o que non debemos deixar de visitar é a Kalsa, o espléndido barrio medieval en torno á Cala, de pazos con ares catalano-aragoneses, co da Inquisición, e a igrexa románica de Sta. Maria della Catena. As Catacumbas dos Capuchinos, sempre que non se sexa aprehensivo, pódense visitar, con centenares de cadáveres momificados. 
Aínda no oeste siciliano, a bela e medieval Erice empoléirase no alto dun cerro, cuxa espectacular vista sobre o Tirreno non pode faltar. Mais están así mesmo os sitios arqueolóxicos de Segesta, co seu bonito templo dórico; de Selinunte, cun dos maiores templos dóricos do mundo; e Agrigento, o Val dos Templos, cun importante santuario dedicado a Deméter e Perséfone. Xa na parte leste da illa, outro sitio arqueolóxico, agora romano, chama poderosamente a nosa atención: a Villa Romana del Casale, un fascinante lugar, residencia de campo dun importante funcionario romano, maior conxunto de mosaicos romanos do mundo. 
Tamén no leste non podemos deixar de visitar as cidades barrocas de Noto, Ragusa, Modica e a coqueta Scicli, un paseo estimulante por igrexas, palacios e prazas de fermosa feitura, onde son visíbeis as pegadas do comisario Montalbano, cidades situadas en gorxas escarpadas de pedra caliza, formadas por antigos ríos, dando maior expresividade se cabe no seu barroquismo. 
E por fin Siracusa, a máis importante cidade da Magna Grecia, punto e final da nosa viaxe. O barrio de Ortygia acolle o animado centro neurálxico, coa súa estraña catedral e a famosa Fonte de Aretusa. Ás aforas, o enorme teatro grego co seu ninfeo, o anfiteatro romano e as curiosas canteiras coa xigantesca Orella de Dionisos. 
Terras, en fin, torturadas e feraces, estas de don Vito Corleone e Salvo Montalbano. Cun clima severo no verán, a produción agrícola, así como a pesca fan da gastronomía siciliana unha verdadeira delicia. Toda a nosa historia, a que nos é máis próxima e coñecida, cabe nela. Mesmo a máis moderna, infelizmente trazada pola Cosa Nostra, e á que o comisario Montalbano tenta agora dar un xeito máis amábel.
 

Por terras de don Vito Corleone e Salvo Montalbano

Te puede interesar