No pasado 22 de abril, e dentro das actividades programadas pola Comisión Pro Carvalho Calero 2017, tivemos ocasión de ver o extraordinario documental, de Antón Rodríguez, “Vieiros de esperanza”. Ben traído o título, non en van foi “Vieiros” o primeiro poemario en galego que o noso autor publicaría en 1931. Vocábulo que nos remite ao camiño emprendido polo propio Ricardo Carvalho Calero en sendo moi noviño e que con tesón e férrea vontade non cesaría até os albores do seu falecemento. Así pois, o mesmo ano en que morre, 1990, desprázase até Ferrol para vir recoller o título que se lle outorgara ao ser nomeado fillo predilecto da cidade, xa moi afectado pola súa doenza, tal e como nos comentara a súa filla, Victoria, na charla inaugural destas xornadas, iniciadas en Sargadelos no 19 de abril.
No citado documental, non son poucas as persoas entrevistadas que achegan datos (dun modo xenérico), certamente encomiábeis, a respecto da súa figura. Tanto os que son a favor como os seus detractores, veñen a coincidir nalgunhas das chaves da súa personalidade. O inmenso traballo que, de maneira infatigábel, realizou a prol da lingua e literatura galegas. O compromiso humano e persoal, a entrega por un ideal cultural, alén de sociopolítico, por Galiza. E a convicción de que o romance galego-portugués fai aínda parte natural do tronco que lle corresponde, de aí acreditar nesa toma de consciencia a favor do reintegracionismo, tal e como fora demostrando, e con maior firmeza se cabe, a partir do ano 1980. Esta última e terceira das cuestións, a de maior controversia, como era de esperar, por parte dalgúns dos entrevistados.
O documental vai transitando de maneira áxil a través da vida e obra de Ricardo Carvalho Calero. De forma lineal, Antón Rodríguez, director e guionista, vai facendo o percurso biográfico do polígrafo ferrolán. Nacemento e infancia en Ferrol Vello; as primeiras inquietacións xuvenís pola poesía, pola ópera, pola zarzuela e polo teatro; os primeiros escritos na revista Vida Gallega e en El Correo Gallego e os impulsos dados grazas a Xaime Quintanilla; o seu primeiro libro, “Vieiros”, publicado por iniciativa do editor compostelán Ánxel Casal; os estudos universitarios en Compostela; o Seminario de Estudos Galegos; a Guerra Civil e a súa participación como soldado de intendencia no bando republicano; o cárcere e represión posterior; a volta a Ferrol; o casamento e traballo docente; a súa infatigábel obra (poética, ensaística, dramática, novelística, crítica literaria, etc.); a incorporación á cátedra de Lingua Galega e Literatura en Compostela; etc.
Deste xeito, persoas como Xosé Mª. Dobarro Paz, Xesús Alonso Montero, Vítor Freixanes, Darío Villanueva, Maurício Castro, Aracéli Herrero Figueroa, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, José Martinho Montero Santalha ou Siro López, mais cada un desde a súa propia perspectiva, van debullando diferentes aspectos do polifacético ferrolán. O eloxio, a respecto da súa persoa, está en boca de moitos deles, mais tamén o da rectitude e o da enorme exixencia que el impuña, tanto sobre si como sobre os demais, así como a tremenda capacidade que tiña para poder levar a cabo tan inmenso traballo de docencia, de creación, de crítica e de pescuda a que se entregou ao longo da súa vida.
O documental ten unha metraxe de case cincuenta minutos, os cales transcorren dunha maneira extraordinariamente áxiles. Os entrevistados, de diferentes puntos do noso territorio, van dando informacións e opinando sobre a figura de don Ricardo, e vemos que Compostela, Vigo, Lugo, Ferrol, A Coruña, etc. son os lugares polos que o filme vai transitando, e vaino facendo a medida que un automóbil circula por unha pequena estrada con arboredo, de forma que esa transición en espazo e en tempo (atendendo aos cortes que se corresponden con cada momento dun entrevistado), se visualice e interiorice máis axeitadamente. Deste modo, vida e obra de Ricardo Carvalho Calero, de 1910 a 1990, acoden ao encontro do espectador para así poder conseguir ter unha visión bastante aproximada do noso autor, o cal é postulado, máis un ano, para lle ser concedido o Día das Letras Galegas.
O documental, en fin, vén reactualizar o autor motivo desta proposta, un grande descoñecido no seu propio país, e amaldizoado por moitos pola súa militancia reintegracionista. Con todo, é preciso que subliñemos o alto grao de honestidade que sempre o guiou en todo canto fixo, extensíbel isto á forte convicción reintegracionista que defendeu vehementemente até ao final da súa existencia, todo o cal segue a pasarlle factura vinte e seis anos despois de falecido, ao non se lle querer conceder un máis que meritorio Día das Letras Galegas, el que de maneira tan firme, incansábel e benevolente tiña traballado en prol da lingua e da literatura do noso país, e que Antón Rodríguez quixo plasmar neste interesante e óptimo documental, Proxecto de Fin de Grao en Comunicación Audiovisual.