A Bestarruza

Hoxe a Bestarruza é unha praia artificial moi coqueta encadrada nunha belida  paisaxe de Mugardos onde a vexetación chega ata a mesma area, cousa que non acontece na maioría das praias . Os que pertencen a miña xeración, os que andabamos coa infancia amortecina nos albores da adolescencia sabemos que a Bestarruza entón era outra cousa malia ser tamén o lugar no que os nenos e nenas nos íamos bañar, unha ribeira chea de pedras, ao abeiradoiro das ruínas dunha antiga fábrica de salgar peixes, onde desfaciamos os pes cando a marea estaba baixa; na preamar aproveitabamos un pequeno campeiro para tomar o sol e alí estábase na gloria. Para chegar había dúas alternativas: camiñar coa marea baixa pola ribeira dende o Ratón ou ben subir ata a Cruz dos Caídos e baixar por un sendeiro moi empinado ata o pedregal que era a ruta case sempre elixida. Os tres piares de pedra que sostiñan un vetusto peirao de madeira eran os nosos trampolíns: hoxe só quedan os vestixios dun, único testemuño daquela industria mariñeira implantada por iniciativa dos que hoxe chamaríamos emprendedores cataláns.
Por moito que lle andei a dar voltas non din cos orixes do topónimo  Bestarruza. Por separado temos besta e por outro ruza. Se facemos tradución literal poderíamos deducir que se trata de besta ruza (bestia parda)  pero moito me temo que non van por aí os tiros, ou si, vaian a saber! Non estaría nada mal que agora creásemos unha lenda respecto a unha besta parda que circulaba por aqueles bosques, nas proximidades do chamado “campo dos mortos” que se atopa moi preto. 
Din que se chama “Campo dos Mortos” porque alí  in illo témpore enterraban os corpos dos afogados que aparecían sen identificación e que diante da dúbida de se eran católicos non se lles daba campo santo. Non sei que haberá de certo nese intrigante relato  pero fai máis de corenta anos atopei entre unhas pedras do muro que da ao mar un pedazo do que fora un maxilar inferior humano que levei ao que entón era enterrador para que o depositara no osario do cemiterio. Lendas ou non, non deixan de ser enigmáticos estes feitos se ademais andaba campando por alí unha besta ruza. 
Pero fábulas e contos a parte hoxe a Bestarruza é un lugar de lecer para a xente de Mugardos e tamén para a que nos visita no verán que cada vez resulta máis numerosa e iso, amigos, éche moi bo para a vila porque aumenta a actividade nos establecementos de hostalería e tamén nos alugamentos e compras de apartamentos por parte de aqueles que elixiron Mugardos e a súa contorna para pasar as vacacións nesta época na que a vila semella renacer das súas cinzas reanimada por ese osixeno recuperador que revive aos que lles custa respirar. Pero esta aparente recuperación non debería quedar circunscrita só ao verán e Mugardos ten que ofrecer alternativas o resto do ano para dicirlle aos foráneos que esta é unha vila viva, chea de posibilidades, de alternativas lúdicas  pero tamén con ofertas culturais das que, por exemplo, a posta en marcha do “Centro de interpretación de Cadoval” pode ser unha mostra  papábel dende o momento da súa inauguración que non debe estar lonxe de producirse e que poñerá a Mugardos no mapa dos circuítos culturais de Galicia e por que non de España. Que así sexa e que todos e todas o vexamos.
 

A Bestarruza

Te puede interesar