Puidemos ler nos xornais de onte que os municipios gobernados polo Bloque Nacionalista Galego decidiron optar pola insubmisión perante as políticas de constantes recortes que está a aplicar o Partido Popular en aras de desmantelar o que se deu en chamar estado do benestar, que foi máis duns que doutros e que a cada paso é de moitísimos menos e dentro de nada dunhas cantas ducias. Segundo a formación nacionalista, todas esas medidas (privatización de servizos, fiscalidade regresiva, menor gasto público...) afectan agresivamente á maior parte da poboación. É evidente que desde tódalas instancias se lle pode facer fronte a estes desmáns e que os concellos poden xogar un importante papel nesa loita pola defensa dos lexítimos dereitos que nos queren subtraer, roubar.
Curiosamente, o venres asistín a unha charla que impartiu Santiago Jiménez, alcalde, por IU, de Villaverde del Río, que titulou “Por unha xestión municipal en beneficio dos traballadores. Unha política de esquerdas é posible”. Aínda que os medios non lle deron moita publicidade ó acto –o noso Diario si publicou a nota correspondente– quedei sorprendido da cantidade de xente (moita de pé) que acudiu á Librería Marxista a escoitar cousas das que é complicado ter información precisa por estes nosos lares. Mesmo situarmos ese concello sevillano resúltanos imposible –supoño que á inmensa maioría– sen botar man dun mapa ou similar. Igual que saber o censo de poboación, as actividades dos habitantes, etc. Segundo contou o señor alcalde –co obxecto de se puidesen valorar máis adecuadamente as actuacións do goberno municipal–, Villaverde del Río ten case oito mil habitantes, está situado na comarca da Vega del Guadalquivir e a maioría dos seus habitantes viven das actividades do campo. Sempre foi unha zona con forte implantación da esquerda e nas últimas eleccións Izquierda Unida obtivo sete dos trece membros que compoñen a corporación, isto a maioría absoluta. Nesa conxuntura, o primeiro que decidiron foi intentar reconducir as desfeitas que ocasionaran os gobernos municipais anteriores. Deste xeito remunicipalizaron o privatizado servizo de atención ás persoas dependentes, incorporando o persoal ó plantel muncipal e poñendo nas súas mans o seu funcionamento. O servizo non só mellorou en tódolos sentidos senón que xerou uns beneficios anuais de máis de 50.000 euros, o que puxo de manifesto que o que tanto nos repiten da bonanza e da eficiencia dos servizos en mans privadas é unha auténtica falacia. Case todos funcionan peor e os traballadores e usuarios gozan de peores condicións. E xa non falemos cando as arcas públicas, os diñeiros dos impostos que paga o pobo, teñen que cubrir as perdas producidas por determinadas empresas. Aquí mesmo, en Ferrol, temos o sangrante caso da público-privada Emafesa: pública para as perdas e privada para as ganancias. En Villaverde del Río, os funcionarios municipais seguiron cobrando o mesmo que percibían cando o cambio de corporación (pagas extraordinarias incluídas) e por aí outras cousas sempre beneficiosas para o conxunto da poboación. Como o señor Jiménez manifestou en varias ocasións, si é posible facer cousas cando se queren facer. Cando non hai esta vontade todo son disculpas.