De ben pequeno adquirín na casa de meus pais o rol de mandadeiro. Nunca me pesou, nada reprocho a ninguén, e se callar é por esa razón que a día de hoxe tampouco teño ningunha preguiza por madrugar para, por exemplo, ir comprar o xornal. De cando neno, gardo con agrado a encomenda que me facía meu pai antes de partir de Land Rover para ir realizar a súa garda ao semáforo de Monte Ventoso desde a Esquina de Canido —un pracer apropiarme do topónimo. Foron trinta anos na vixía en tarefas de meteoroloxía e observación.
Así pois, pedíame el que lle fose ao quiosco de Nieves para lle ir comprar o tabaco, Águila de preferencia, a súa marca, aínda que despois desta era Ducados e, a partir de aí, no caso de non haber, podía ser toda unha lista do máis dispar: Récord, Goya, Fetén, Celtas con boquilla... E, alén dos mistos, tan necesarios, era ineludíbel a compra de El Ferrol Diario.
Infelizmente, o Diario de Ferrol veu nacer cando xa el estaba xubilado. Con todo, nunca perdeu o hábito de lelo, o seu substituto natural. O ámbito local, comarcal por extensión, non cabe dúbida que fai xornal. Tal é a súa liña de actuación e principal leitmotiv que seduce os incondicionais lectores. Unha gráfica de dentes de serra, ora un bocadiño estrambótica, marca esa historia de vinte e cinco anos, hoxe vizosos.
Houbo, non podemos tapar os ollos ante esta realidade, momentos difíciles de afrontar. Considérome afortunado por, dalgún xeito, pertencer á casa. Veño de facer vinte anos de colaboración desde que me iniciei co artigo “As letras en Ferrol: un signo de normalidade”, da columna ‘Enfiando’ do Nordesía. Nicolás Vidal e Jose Fandiño, grandes amigos e profesionais do gremio, ofrecéronme a oportunidade, co plácet do ben querido Man Castro, que depositou a súa confianza en min. De modo que, sexa desde “La Ventana” ou desde o meu actual “Termar do Leme”, debo dicir que me sinto na casa. Só me resta desexar mil primaveras máis ao Diario de Ferrol, orgulloso por formar parte desta gran familia.
Henrique Dacosta é escritor e colabora co Nordesía