Lembro perfectamente unha chamada de Puri Rodríguez, entón xefa de redacción do recentemente estreado ‘Diario de Ferrol’, cuxo director era Germán Castro, para invitarme a escribir unha achega semanal neste xornal que nacía co propósito de dar prioridade as informacións de proximidade, e aceptei encantado. Diso xa van 25 anos e non lembro ter faltado a esa cita dominical cos lectores do periódico perante este tempo.
Logo de cumprirse as vodas de prata do ‘Diario’ me sinto moi ledo de ter formado parte do grupo de colaboradores desta aventura que supuxo poñer en marcha un xornal e manter o reto cotiá de contar con prioridade as cousas que acontecen fundamentalmente nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Chegar aos vinte e cinco anos supón un mérito tremendo se temos en conta as enormes dificultades coas que se ten que atopar un medio de comunicación escrita no intrincado mundo editorial. O ‘Diario de Ferrol’ non foi unha excepción, pero grazas ao esforzo da xente que traballou e traballa decote na redacción logrou superalas estimulándose día a día na procura de dar ao público que se achega as súas páxinas as novas acontecidas no seu entorno máis inmediato. Quizais o non perder a premisa do seu sentido fundacional fose e segue a ser a causa que mantén vivo ao ‘Diario’ logo de vinte e cinco anos de vida.
O mítico grupo Golpes Bajos, liderado por Germán Coppini, interpretaban aquela canción titulada “Malos tiempos para la Lírica” composta por Teo Cardalda no ano 1990. O ‘Diario de Ferrol’ nacía nove anos despois daquela premonición que xa anunciaba a dificultade de expresar coa lírica sentimentos ou emocións máis ou menos profundas. Tamén algúns auguraban malos tempos para a prensa escrita diante o empurrón do dixital, malos tempos para a radio pola irrupción do audiovisual e malos tempos para case todo. A solución a todos eses augurios foi a resistencia e... resistiuse. O “cainismo” roldou ameazante e prepotente, pero o ‘Diario’ aguantou eses intentos de afundilo e aí segue no esforzo cotiá de chegar con puntualidade aos seus lectores.
Na historia do xornalismo da nosa cidade atopamos un feixe de cabeceiras que non aguantaron moito tempo. Os vinte e cinco anos que arestora cumpre o ‘Diario de Ferrol’, que xa supera a maioría de idade e segue a medrar, é unha efeméride que debemos celebrar con ledicia e coa esperanza de seguir cumprindo etapas. Así que moitas felicidades a todos e a todas que o fixeron e fan posible nestas relucentes vodas de prata.
Xoán Rubia é cantante e escritor