25 Aniversario | Os ollos e ouvidos da nosa sociedade

“Este vinte e cinco aniversario non só marca o voso pasado e presente, senón que tamén vos encamiña a un prometedor futuro”
25 Aniversario | Os ollos e ouvidos da nosa sociedade

Quero que as miñas primeiras palabras sexan de felicitación para todo o equipo que formades Diario de Ferrol no seu 25 aniversario. Hoxe conmemoramos xuntos non só os anos de publicacións, senón tamén o compromiso inquebrantable coa verdade, a dedicación e a paixón polo xornalismo que define a vosa traxectoria. Parabéns pola vosa profesionalidade, proximidade e empatía cos veciños de Ferrolterra. Grazas pola vosa ética xornalística, por informar e investigar, por ser os ollos e ouvidos da nosa sociedade.


Dende o lanzamento do primeiro número de Diario de Ferrol, en xuño de 1999, Ferrolterra mudou a un ritmo vertixinoso, e o xornal que leva por cabeceira o nome da nosa cidade sempre estivo aí para contalo. “As cousas de aquí contadas dende aquí”, era e é a vosa premisa. 

 

Pasou un cuarto de século dende que naceu este referente informativo. E aí estivéchedes contándonos os principais acontecementos de Ferrol e comarca durante estes anos nos que, por fin, puidemos ler sobre tinta que tivemos unha conexión coa autopista, que os nosos estaleiros convertéronse nun referente a nivel mundial tanto no sector naval como na eólica mariña, que podemos presumir dun campus universitario con cualificación de industrial onde creceu o número de facultades e escolas, á par de universitarios que cursan estudos na nosa cidade, unha cidade que loce orgullosa cos logros acadados xuntos, como a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional da Semana Santa e autonómica das Pepitas; ou cos numerosos títulos deportivos en equipo e a nivel individual.


“O mellor oficio do mundo”, dicía Gabriel García Márquez sobre o xornalismo, un apostolado da información, e comparto con el esta afirmación, que admiro por este nobre traballo tan sui géneris que levades a cabo diariamente. O reto de todo medio de comunicación debe ser tamén a necesidade de reinventarse para facer fronte aos desafíos do futuro e facelo sen alterar os compromisos clásicos do xornalismo, eses que nunca caducan: o rigor e a responsabilidade. 


Seguide esforzándovos por ser unha fonte de información confiable, brindando novas precisas e obxectivas, fomentando o diálogo e o entendemento. Este 25 aniversario non só marca o voso pasado e presente, senón que tamén vos encamiña a un prometedor futuro, que esperamos poder seguir compartindo xuntos escribindo o que, algún día, será historia de Ferrol. Parabéns a todos por este aniversario e por outros 25 anos máis de Diario de Ferrol. 

 

José Manuel Rey Varela é alcalde de Ferrol

25 Aniversario | Os ollos e ouvidos da nosa sociedade
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar