O corazón de Ferrol latexa nun Campus Industrial do que presumir

A delegación ferrolá da Universidade da Coruña medrou na cidade naval nas últimas décadas debuxando un novo barrio e acadando unha especialización única en toda España
O corazón de Ferrol latexa nun Campus Industrial do que presumir
A vicerreitora Ana Ares acompañada do director do Campus Industrial, Marcos Míguez | DANIEL ALEXANDRE

Os estudos universitarios chegaron á cidade naval da man da hoxe desaparecida Escola Politécnica de Serantes no ano 72. Vinte anos despois, un barrio de Esteiro en transformación acollía o xermolo do que hoxe é o Campus Industrial de Ferrol, un espazo de especialización único en España. Peza fundamental da Universidade da Coruña, a institución transcende o eido universitario porque neste espazo, que antes fora o Hospital de Mariña, latexa o corazón dunha urbe que medrou con ela. Hai 25 anos, o Diario de Ferrol xa apostaba pola cobertura diaria das novas da comunidade universitaria. 


Deseños innovadores como o de un catamarán somerxible e novidades formativas como a estrea do Doutoramento en Enxeñería Naval eran noticia. Editábase naquel 99 a primeira Guía do Estudante e perfilábase Prevencións de Riscos como unha futura titulación, despedindo á segunda Promoción de Relacións Laborais e á sétima de Enfermaría.


Estreaba novos equipos informáticos e o alumnado familiarizábase coas súas contas de correo electrónico, ademais de levar a cabo un investimento de 18 millóns de pesetas en toda a UDC para “paliar” o temido “efecto 2000”. Un 24% dos estudantes da comarca pedían praza nas súas facultades e medraban as aulas un 3%. Namentres, nun completo plan de construcións, trasladábase a Vicerreitoría e facían a inauguración de dous novos edificios e os Talleres Tecnolóxicos. Chegaban novas especies de árbores, hoxe medradas, a un “Campus joven y con ambiciones”

Calle
Un recuncho do campus en 1995 e na actualidade | Campus Industrial / D. Alexandre

Nestes anos, a faciana do Campus Industrial non deixou de mudar e houbo que dicir adeus a edificios que no seu tempo foron moi característicos, como o da antiga cafetería ou o tanatorio que permanecía aínda como unha pegada do centro hospitalario que fora e que hoxe, ao carón do Aulario, deixou paso á horta nunha marabillosa metáfora vital. Porque este espazo de ensino superior, máis ca nada, é unha gran familia que foi e é capaz de facer grandes cousas desde este recuncho, ás veces esquecido, do noroeste.

 

O comezo


“Chegamos Alma, Javier e máis eu dentro do camión da mudanza, que non sabíamos nin por onde íamos”, lembra divertida Begoña Díaz Valero, actualmente persoal da Vicerreitoría e próxima a súa xubilación, pero durante moitos anos vinculada á Facultade de Ciencias do Traballo. Empezou con 20 anos, sendo a “nena da oficina”, cando os estudos se impartían no colexio do barrio de Recimil e, máis tarde, en horario nocturno no instituto Concepción Arenal. A Escola de Relacións Laborais, daquela aínda Graduado Social, foi a primeira en establecerse en Esteiro e “non había nin teléfono, que nos deixaba usalo un taller mecánico que estaba ao lado, e tampouco onde tomar un café agás unha pequena cafetería dun señor moi maior”. 

 

Malia todo, cunha impresora botando fume nas épocas de matrícula aínda presencial, lograron xestionar unha facultade nos anos do auxe de Relacións Laborais, con 800 estudantes enchendo as aulas. Begoña Paz, desde hai anos ao frente de diversos departamentos na empresa naronesa Gabadi, foi unha daquelas primeiras alumnas que fixeron a estrea da Escola vindo do ‘Masculino’. Segue vencellada a ela hoxe en día e regresa sempre que pode a falarlle ao alumnado da súa experiencia vital, na que a formación continua foi imprescindible para acadar o éxito profesional: “Daquela non había ambiente universitario, claro, éramos só nós, pero tiñamos grandes profesores”, lembra.


O profesor Fernando López Peña, vinculado ao Grupo Integrado de Enxeñería da UDC que tamén conmemora os 25 anos de vida este 2024, chegou a Esteiro cando “o campus parecía unha canteira, con edificios a medio facer, reformando a facultade”. Non tiñan Internet e tiveron que traer os seus ordenadores, e mesmo pintar eles as paredes dos despachos en Talleres; pero pensa que pagou a pena o esforzo por ter un dos espazos “máis bonitos da Universidade da Coruña, máis verde, parece británico”.

Cafeteria
A cafetería do campus en 1999 e agora | Campus Industrial / D. Alexandre

Botou en falla, iso si, que non deixaran en pé edificios singulares como o da cafetería antiga ou o de Enfermaría, mais está convencido de que a ubicación dos estudos universitarios no barrio “animou aos promotores a construír” e “Ferrol pegou un cambio moi grande” a nivel urbanístico.

 

Serantes


Antes de Esteiro, a Politécnica de Serantes xa fixera moito por democratizar o acceso á Universidade das xentes da contorna que non podían permitirse marchar a outra cidade, lembra María del Carmen Ramírez Gómez, catedrática de Físicas e investigadora, pioneira en dar aulas de especialidades. Ela empezou na Escola en 1992 e, recorda, “llegué y me encontré a unos compañeros fantásticos, pero un espacio de hombres. Había profesoras solo en las comunes, en primero”. 

 

A ela, a quen a nai animou a facer unha carreira considerada de homes daquela, quédalle ben pouco para a xubilación, xa no Campus Industrial: “Me voy con cierta tristeza porque me encanta la docencia. Desde integrar al alumnado hasta explicarles mecánica cuántica”. Outra das que sabe ben da “calidade humana” e o “bo ambiente” de Serantes é María Isabel Constela Doce, quen traballou 42 anos na Secretaría, moitos deles na Politécnica, onde chegou en 1971. 

 

“Estaban todavía colocando los archivos cuando me fui a examinar, y después me fui con mucha pena. Matriculé a mucha gente que luego me trajo a sus hijos, cuando todavía había que hacerlo presencialmente”, rememora, valorando tamén que, aínda que ela estaba especializada en asuntos económicos, facía de todo: “Desde las listas de los profesores hasta escribir al dictado las preguntas que les iban a poner en los exámenes”.

 

Estudar en ferrol


Aínda que é cántabra de Astillero, Natalia Torre Rico estuda Relacións Internacionais na Facultade de Humanidades, valorando que “la escogí por ser una carrera nueva y llamativa que normalmente en los campus más antiguos no tienen, están más anticuadas”. Cree que o Campus de Ferrol é “el más bonito de todos los campus de la UDC” e o seu centro, con esa enorme cristaleira semellando as galerías ferrolás, “es precioso”. Begoña Díaz engade que chegar a pé é impagable, ao igual que o ambiente universitario, que vai en aumento. 

Humanidades
Facultade de Humanidades en 1999 e na actualidade | Campus Industrial / D. Alexandre

Florian Michaud chegou a Ferrol no 2002 cunha bolsa para facer as súas prácticas de 6 meses de Enxeñería Mecánica e volveu ao rematar a carreira para facer o Doutoramento e quedarse. “Pensé que iba a A Coruña hasta que me dijeron que el campus estaba aquí, algo que me gustó porque es una ciudad más pequeña, parecida a la mía, y prefiero más naturaleza que edificios”, confesa. Sostén que é un lugar “acogedor, con un entorno bonito, árboles, todo tipo de servicios, llego andando...” e a nivel académico “ha crecido desde que es Campus Industrial. Se han unido grupos de trabajo y creo que Ana Ares [vicerreitora] hizo un buen trabajo para que rememos en la misma dirección y consigamos fondos y retorno”.


Sara Fernández Basanta foi alumna e investigadora e agora é profesora da Facultade de Enfermaría. Ela, que sempre tivo claras as potencialidades do campus e apostou por estudar nel desde un principio, apunta que “cando fas estadías fóra, que eu estiven en Estados Unidos e Noruega, comparas e daste de conta que non temos nada que envexar. Medramos moito, sobre todo nos últimos anos, cun grande esforzo en internacionalización... Pódoche asegurar que estamos en liña con Europa”, algo que confirma tamén Ramírez: “La evolución ha sido muy llamativa y, especialmente, en la investigación hay gente muy potente”. Neste sentido, a maioría pensa que a cidade aínda non é moi consciente de que o seu verdadeiro motor industrial, o seu corazón e a súa cabeza, está no Campus Industrial. 

 

 

O ferrolán é o primeiro campus acreditado do sistema universitario español e galego

 

O Campus Industrial de Ferrol acadou o pasado mes de decembro a renovación do selo de excelencia como campus de especialización acreditado do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para os próximos catro anos, un recoñecemento de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que “naceu co obxectivo de fortalecer as estruturas dos campus non centrais aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados”, explican fontes da Universidade da Coruña, afondando en que foi persoal experto independente o encargado da primeira avaliación, salientando estes profesionais o traballo realizado a prol da renovación da oferta académica coa posta en marcha de seis titulacións. 

Horta
Antigo tanatorio derruba en 1999 e a horta actual na súa ubicación  | Campus Industrial / D. Alexandre

Ademais, son cinco as liñas estratéxicas de investigación nas que basea a súa especialización o Campus: robótica, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore e a xestión industrial e o desenvolvemento do produto. Nestes próximos anos, deberá incorporar outras novas vinculadas coa enxeñería eléctrica e electrónica, telecomunicacións e informática, liderando ademais a nivel nacional a investigación no campo da fabricación aditiva e industria 4.0. 

O corazón de Ferrol latexa nun Campus Industrial do que presumir
COLABORADORES
Deputacion
Puerto Ferrol
Concello Ferrol

Te puede interesar