“Resoando no pasado” é o espectáculo no que Abraham Cupeiro toca máis de 100 instrumentos, procedentes de lugares e épocas dispares, e que chegará ás Pontes o venres 28 de marzo. Este concerto con potentes tintes pedagóxicos terá lugar no auditorio municipal Cine Alovi, ás 20.30 horas, e as entradas xa se poden mercar na páxina web aspontes.sacatuentrada.es.
O proxecto materializouse en 2006 e, desde entón, máis de 40.000 persoas puideron marabillarse co talento e experiencia deste músico. O interese por coñecer e recuperar instrumentos levou a Cupeiro a viaxar por lugares de todo o mundo, onde foi adquirindo algúns como o rag dung, gaida, shofar, chalumeaux, toba, schalmei, zurna, etc.
Estes son algúns dos exemplos que poucos coñecen, da mesma maneira que o público se sorprenderá cos construídos polo propio protagonista. Entre outros, para “dar a luz” ao karnyx, o creador utilizou unha moeda romana; ao cornu, uns planos dun exemplar atopado en Pompeia; e para a trompeta natural, que foi o primeiro que realizou, usou técnicas propias do século XVII.
En “Resoando no pasado”, Abraham Cupeiro dará a coñecer desde o son dunha pequena frauta de óso do 46.000 a.C. até un sousaphone orixinal do século XIX. Todos os instrumentos presentaranse con anécdotas que achegan a dimensión máis humana dos mesmos.
O autor deste proxecto, de renome internacional, compartiu escenario con prestixiosas formacións como a Royal Philarmonic Orchestra, Mahler Chamber Orchestra e tamén a Orquestra Sinfónica de Galicia. Ademais, en 2023 traballou con Steven Spielberg para a serie documental de Netflix “Life on our planet”.