O auditorio municipal Cine Alovi, nas Pontes, acollerá este venres, ás 20.30 horas, un concerto da cantante portuguesa Lina, no que dará a coñecer o seu último traballo discográfico, “Fado Camões”, publicado a nivel global o ano pasado pola editora alemá Galileo Music e Uguru.
Tras o recoñecemento que xa supón a edición por entidades de prestixio, o disco continúa conquistando o ámbito internacional, conseguindo logros como poden ser o Best European Record 2023/24 e o posto número tres no TOP 100 Álbums da Transglobal World Music Chart.
En “Fado Camões”, un traballo de carácter especialmente persoal, a cantante e compositora Lina está acompañada do produtor e músico británico Justin Adams. Ademais, toma como base a lírica do autor que pon nome ao disco, con fados populares e da súa autoría.