O Concello de Cedeira vén de publicar a licitación das obras de creación de espazos verdes na rúa Silva 26, unha actuación cun orzamento de uns 67.555 euros e que se vai financiar en parte cos recursos do POS+2024.
A actuación suporá a mellora e humanización dun espazo, situado nunha bifurcación da zona coñecida como a das “Casas Baratas”. Por medio de mobiliario urbano e vexetación tentarase convertir nun lugar para o encontro e a convivencia da veciñanza.
Trátase dun espazo de 73 metros cadrados, que actualmente están degradados e desaproveitados. As obras abranguen a plantación de árbores e a instalación dunha zona de bancos cunha estrutura cuberta parcialmente que fará máis confortable este espazo.
Instalarase, ademáis, un aparcadoiro de bicicletas e renovaranse as beirarrúas ao arredor, cun ancho suficiente para garantir a accesibilidade. A nova zona verde da rúa Silva está situada contra a fachada cega dun edificio, na que o Concello propón, sempre que conte co consenso dos veciños do inmoble, unha nova obra de street art.
As empresas interesadas en concurrir ao proceso de licitación teñen ata o día 3 de outubro para presentar as súas ofertas.