Esta tarde de domingo, o auditorio municipal de Cedeira será unha das paradas da xira que está de-senvolvendo o Centro Dramático Galego con “Terceiro acto”. Trátase dunha obra cocreada e codirixida por Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez, que se exhibirá ás 19.00 horas.
A senectude é un dos temas principais sobre o que invita a reflexionar esta proposta, na que cinco actores e actrices dialogan sobre as súas experiencias no teatro, o seu legado e o que lles resta por vivir, tanto enriba como fóra de escena.
O Centro Dramático Galego estreou a peza en 2021 e, como a xira prevista foi frustrada pola pandemia, retómase a iniciativa nesta ocasión, coincidindo co 40 aniversario da compañía teatral pública galega. Esta creación, que se adoita definir como unha homenaxe ás persoas maiores, está protagonizada por César Cambeiro, Belén Constenla, María Costas, César Goldi e Fernando Morán.
Con este “Terceiro Acto”, O Centro Dramático Galego volve elexir a localidade para realizar unha das súas funcións, xa que no ano 2022 xa fora escollida Cedeira para ofrecer catro pases de “As oito da tarde, cando morren as nais”, unha peza de Avelina Pérez.