Busca do tesouro na Festa da Horta de Caamouco, onde os nenos adiviñarán “Que contan as árbores...?”

O encontro que se celebra anualmente en Caamouco polo Día da Terra está aberto ao público con inscrición previa
Busca do tesouro na Festa da Horta de Caamouco, onde os nenos adiviñarán “Que contan as árbores...?”
Un momento da actividade de plantación do ano pasado, que nesta ocasión incorpora novidades | Cedida

A Horta de Quinín, localizada no concello de Ares, volverá ser escenario da festa polo Día da Terra que organiza a Agrupación Instrutiva de Caamouco, na que os nenos e nenas son protagonistas. Despois do éxito do ano pasado, cando a iniciativa incluso tivo que abrir unha lista de agarda, o domingo 27 repetirase a xincana na que os participantes deberán atopar o tesouro que se agocha no terreo e incorporarase a novidade do contacontos “Que contan as árbores...?”, a cargo de Maquinarias Teatro. 


Esta xornada, consolidada xa como a Festa da Horta, terá lugar de 11.00 a 13.30 horas, totalmente de balde e incluíndo uns petiscos, co único requisito de apuntarse até o venres 25 no 680 161 929. Do mesmo xeito que a anterior edición, dispóñense 30 prazas debido á limitación do espazo e ao obxectivo de que as familias tamén se impliquen.


O principal obxectivo é que os nenos e nenas “entren en contacto coa terra”, tal e como explica o presidente da Agrupación Instrutiva de Caamouco, Dani García, polo que amais da xincana, realizarase unha parte de obradoiro na que tamén se innova este ano. Na festa propoñeranse dúas plantacións diferenciadas: unha en grupo na horta mesmo e outra individual, coa finalidade de que os participantes leven a súa maceta para a casa e se comprometan a coidar ao seu novo ser.

 

 

“Que contan as árbores...?” é un contacontos de Maquinarias Teatro, no que Helga Méndez se encargará de achegar ao público infantil e familiar valores medioambientais. Segundo sinala García, que lembra cando os obradoiros de filosofía que organiza a asociación se celebraban na Horta de Quinín, esta proposta trata de devolver a actividade cultural ao espazo. De feito, é a primeira vez que se ofrece nel un espectáculo destas características, no que ademais se chegarán a tocar problemáticas como as que concreta o presidente, sobre o cambio climático ou as especies autóctonas e invasoras.


Do mesmo xeito, dende a Agrupación Instrutiva de Caamouco adoitan propoñer numerosas actividades infantís, con vistas a que os pequenos da zona establezan un vínculo coa entidade, que quixeron expandir a este terreo ao aire libre para que “tamén eles se vaian sentindo parte deste proxecto”, destaca Dani García.

 

Horta de Quinín


“Temos un grupo estable de persoas adultas que están implicadas na dinámica desta horta, que pretendemos que sexa comunitaria, aberta a todos os veciños de Caamouco e a todo o mundo que vaia un día de visita por Redes, que vexa o espazo e se anime a entrar”, continúa o presidente.


Por este mesmo motivo, a idea de levar a cabo este encontro na Horta de Quinín tamén responde á intención de que as novas xeracións vaian recollendo o legado da dinámica participativa que dá sentido a este proxecto e imprescindible para que teña relevo. 

Busca do tesouro na Festa da Horta de Caamouco, onde os nenos adiviñarán “Que contan as árbores...?”

Te puede interesar