A poucos días da gran cita, o vindeiro domingo, os “besteiros” da Capelada prepáranse xa para a celebración dunha nova edición da Rapa da Bestas de Cedeira. A actividade, porén, dará comezo xa o sábado co traballo de rexistro e desparasitado dos animais, que se crían de xeito salvaxe, tralo seu agrupamento en mandas para xuntalos nun peche próximo ao curro, desde o que ao día seguinte se desenvolverá a espectacular “baixada” dos animais, a partir das dez da mañá.
Nas últimas edicións, o número de cabezas reunidas chegou a acadar a cifra de 240, destaca Jorge Bellón, un dos organizadores do evento. Xa no curro procederase ao corte das crinas e colas dos cabalos, nunha tarefa que, tal e como lembran desde a organización, non ten outro obxectivo que o coidados dos animais que viven en liberdade na serra cedeiresa, para deixalos frescos e limpos de cara á época estival, indican. “É un traballo necesario”, engaden. A Rapa pon ao mesmo tempo en valor o importante papel das bestas na conservación deste espazo natural do municipio cedeirés, de aí tamén a importancia de coidar aos animais.
Os seus propietarios atopan estes días a esencial axuda de compañeiros doutros municipios para desenvolver unha cita que aúna “natureza, tradición e festa”, di Bellón. Unha festa que comezará xa o sábado cunha cea baile e que na xornada do domingo incluirá tamén un toro mecánico e carreiras de galope, con inscricións abertas ata as 12.00 horas e premios para os tres primeiros clasificados (70, 50 e 30 euros).
Inchables, música e a presenza dun pulpeiro permitirán ao público gozar dunha agradable tarde arredor desta ancestral actividade. Desde a organización agradécese a implicación dos “besteiros” así como dos establecementos da zona que apoian un evento no que, un ano máis, se agardan centos de persoas.
A Rapa das Bestas de Cedeira, de sobra coñecida na comarca, adquiría o pasado ano maior sona máis alá desta zona grazas á seserie “Rapa” que Movistar+ e Portocabo rodaron integramente na comarca, con especial protagonismo, na súa primeira temporada, da vila cedeiresa e da festa que se celebra no curro da Capelada.
O proxecto audiovisual, que acadou un gran éxito de audiencia, está a piques de estrear a segunda temporada, coa cidade naval e o Arsenal como principais escenarios. Será o vindeiro 15 de xuño, día no que os espectadores volverán poder gozar dos seis novos capítulos deste thriller criminal creado por Pepe Coira e Fran Araújo e protagonizado polos actores Javier Cámara e Mónica López.