A fusión da música e o treatro máis “vivo” chega ao Auditorio de Narón

A fusión da música e o treatro máis “vivo” chega ao Auditorio de Narón
Montse Piñon e Pepablo Patiño darán vida aos protagonistas da historia | CEDIDA

“A Nena e o Grilo, o camiño das cores” chega este domingo ao Pazo da Cultura de Narón, da man de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos. Esta é a cuarta entrega dun dos musicais infantís máis aclamados do panorama galego. 


Desta volta, como avanzan dende a directiva “o fío condutor son os camiños, as peregrinacións nas que as camiñantes buscan atoparse consigo mesmas, a vida que avanza e non sabemos a onde nos leva”.


Unha viaxe intrépida que a nena e o grilo percorrerán da man e que os levará a mil e unha aventuras nas que a amizade é o eixo central. Nesta nova entrega da saga poderase coñecer un destino sen igual, que non é outro que o País das Apertas. 


Para chegar a este destino, hai unha quilometraxe vertixinosa entre bambolinas. A Nena, Montse Piñón, e Grilo, Pepablo Patinho, xa están afeitos a semellante itinerario despois de 12 anos dándolle vida a estas personaxes


Hai quen podería pensar que despois de máis dunha década adicadas aos mesmos protagonistas, tanto Piñón como Patinho poderían caer na cotianidade, mais non é así. Eles teñen presente, sempre, unha premisa realmente importante: “o teatro está vivo”, sentencia o dúo.

 

A posta en escena


“Ademais da vitalidade hai que ter en conta que vai medrando día a día. As personaxes evolucionan e fan que cada representación sexa diferente. En cada actuación saen matices novos e é por iso que cada vez que saímos á escena e como unha estrea”, comentan os actores. Nesta mesma idea recae o respecto polo público, xa que, como eles mesmos comentan, “haino que tratar como se fora a primeira vez, con cantidades inxentes de amor”.


Máis que as palabras falan os feitos e, neste caso, o éxito precédeos. De feito, hai quen os segue polo país enteiro para gozar, incluso máis que a primeira vez, da súa presenza nos escenarios.


Eles, ao mesmo tempo, tamén recordan como foi debutar nos teatros e a sensación segue presente. “A primeira vez que estás enriba do escenario todos nos poñemos nerviosos”, asumen os artistas entre risas e, confesan que “agora é onde máis cómodos nos sentimos. É como estar na casa”.


Piñón explicou que ela “chegou tarde ao teatro”, non porque non lle gustara, senón porque "tardou en descubrilo”. Paradoxicamente, isto realmente ten que ver –con matices– coa propia obra que representa. El, pola súa parte, leva toda a vida e ten claro que “hai un camiño máis físico ou real e outro de ensoñacións. Ás veces chegamos con 10 anos, outras con 40, pero o importante é atopar o destino final”, afirmou Patinho, quizais pensando nese País das Apertas que se poderá atopar nas butacas de Narón.

 

A obra


Despois de "O País das Apertas", "A Nena e o Grilo nun Barquiño" e "A Nena e o Grilo máis Aló", chega esta última representación. 


O proceso creativo, a pesar de que son todos traballos de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, varía e, nesta ocasión, “o guión fíxose a raíz das músicas”, coma se se tratase dunha banda sonora ilustrada. 


Iso si, a pesar de ser unha serie de obras dirixidas a público infantil, os actores recoñeceron que as cancións “feitas para os nenos acaban gustando tamén aos pais”.


“O público infantil non é tan distinto. Son formatos que se adaptan a eles e que nos permiten achegarnos, pero son historias que, ao final, os adultos tamén gozan”, comentaron. Ademais, engaden que “ás veces, os máis pequenos entenden moito máis que os adultos”.


E isto ten a súa relevancia nun mundo no que o “politicamente correcto” ten tanto peso, porque eles non queren “adoutrinar”. “Non facemos historias nas que dicimos como teñen que ser os nosos espectadores nun futuro, abrímoslles as portas a imaxinar o porvir”.


A sesión que estes máis que consolidados actores levarán ás táboas este domingo a estrea da obra. Todos aqueles que estean interesados en facer unha viaxe intempestiva e cargada de emocións dende a comodidade das butacas do Auditorio Municipal xa teñen á venda as entradas na páxina web do Padroado da Cultura de Narón.

A fusión da música e o treatro máis “vivo” chega ao Auditorio de Narón

Te puede interesar