A cultura e os modos de vida rurais nunha aldea castrexa volverán cobrar vida na parroquia de Sedes da man dunha nova edición, a vixésimo terceira, do Oenach atlántico. A celebración, declarada de Interese Turístico de Galicia, desenvolverase do 28 ao 30 deste mes na campa do Trece, na parroquia de Sedes.
Haberá, como de costume, un amplio e variado programa de actividades, comezando polo tradicional acendido de lumes da primeira das xornadas, ás 21.00 horas. Seguiralle, ás 22.00 horas, o concerto de música tradicional galega de Aliboria.
A actividade continuará o sábado 29, a partir das 11.00 horas, coa apertura da campa castrexa para que os visitantes poidan ver en vivo como se desenvolvían varios oficios artesáns. As propostas lúdicas, de balde, para pequenos e maiores, sucederanse durante toda a mañá no Castro miúdo. Nas inmediacións das pallozas de Sedes haberá tamén un photocall castrexo, para que as persoas que o desexen poidan retratarse da época cos traxes e indumentarias tradicionais.
Ás 13.00 horas será o momento para o vermú Oenach, amenizado con música, e sobre as 14.00 horas haberá un espazo de xantares para o Oenach gastronómico. Entre as citas da tarde, figura o espectáculo para público familiar de Pablo Díaz; a Parada etnográfica da música e o baile tradicional con Alxibeira, do Padroado da Cultura; e finalmente, ás 22.30 horas, a grande compañía de teatro comunitario de Sedes representará, na Noite do Castro, a obra “Lúa de sangue”.
Artesanía ao vivo, unha mostra de razas autóctonas de can de palleiro, a obra de teatro familiar “As minas do Rei Salomón”, de Ghazafelhos e a actuación da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura formarán parte, na derradeira xornada do domingo, dun programa que pechará co concerto, a partir das 20.00 horas, do grupo de música tradicional galega Tiruleque.
A edil de Festas, Mar Gómez, presentou este martes xunto con Julia Montero, Gloria Couce, Emilio Parada, Fina Montero e Mónica Ramos, representantes da AVV Rosa dos Ventos e integrantes da grande compañía de Teatro comunitario de Sedes, a completa programación.
A entidade veciñal valorou o traballo realizado para levar a cabo este evento cultural mentres que a concelleira de Festas incidiu na importancia “de continuar mantendo este tipo de celebracións, representativas da nosa cultura e que supoñen toda unha oportunidade de dalas a coñecer grazas ao labor desenvolvido desde o Padroado da Cultura e a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos de Sedes”.
Mar Gómez engadiu, en alusión á festa, que “é unha das celebracións máis consolidadas na nosa cidade, a través da que se recrea a vida nos castros nun espazo ideal e ambientado para a ocasión”.