Jazz de Ría consolida a súa aposta por levar a música a espazos singulares da comarca

Jazz de Ría consolida a súa aposta por levar a música a espazos singulares da comarca
Concerto de Nastasia Zürcher na praia do Baleo I Pixelin Photo

Jazz de Ría pechou a súa sétima edición satisfeito por consolidar “un festival de jazz singular, diverso, coidado e sostible”, que se desenvolve en espazos especiais polo seu valor patrimonial e natural (nesta ocasión, localizados nos municipios de Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño) e que abrangue múltiples estilos, “sobre todo apostando pola gran calidade do jazz galego e poñéndoo ao mesmo nivel que as propostas de fóra”. A resposta do público, apunta a organización, foi “moi positiva”, con máis de 2.000 persoas implicadas nos concertos e nas actividades que se programaron desde o venres –coa brillante actuación de Josemi Carmona e Jorge Pardo con Moisés Fernández e mesmo co Morocho de Ferrol– ata o luns –co peche de Nastasia Zürcher na praia do Baleo, en Valdoviño. 


Rutas con música incluída polos balcóns do Atlántico en Valdoviño, a romaría swing en Freixeiro, relatos musicados no Castelo da Concepción de Cedeira, ou a proposta neosoul de Udra na nedense Ribeira de San Nicolás formaron parte dun programa que este ano precisamente se ampliaba ata Valdoviño.

 

O morocho de Ferrol
O Morocho de Ferrol estaba no público e fixérono subir ao escenario nos bises no concerto inaugural do venres


“Cada concerto, cada actividade, pensouse sempre en función da paisaxe, do espazo”, explica Aitana Cuétara, directora do festival. “O patrimonio, natural, histórico ou arquitectónico; material ou inmaterial; é a cabeza de cartel deste festival, no que as escollas artísticas teñen que encaixar sempre no territorio e na filosofía sustentable pola que apostamos”.


Tamén explica que se busca “un equilibrio entre o jazz galego e os proxectos máis interesantes do jazz estatal, apostando polo intercambio e a colaboración con artistas e festivais doutros lugares”, como sucedeu no concerto de Xosé Miguélez e o pianista francés Jean-Michel Pilc no parque de San Isidro, en Cedeira, ou con Moises Fernández acompañando en Narón a Josemi Carmona e Jorge Pardo.

Jazz de Ría consolida a súa aposta por levar a música a espazos singulares da comarca

Te puede interesar